Pestanas principais

O Concello de Ames poñerá terreos a disposición da Xunta de Galicia para a construción dunha residencia pública en Ames

Mércores, 30 de abril de 2025

O Concello de Ames porá a disposición da Xunta de Galicia terreos para a construción dunha residencia de maiores no termo municipal amesán. Este ofrecemento está motivado nas recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que anunciou o plan de residencias “máis ambicioso” da historia. Dende o Concello de Ames foron varios os alcaldes, de distinto signo político que trataron, sen éxito, de que o goberno autonómico aténdese esta reclamación histórica que se está a converter nunha necesidade ineludible.

O alcalde, Blas García, explicou que Ames debe ser unha prioridade para o executivo autonómico á hora de establecer unha das 24 residencias anunciadas, tanto por poboación como pola necesidade existente deste tipo de servizos de atención ás persoas maiores.

Dende o Concello de Ames, un concello que medra ano a ano, e que conta cunha especial sensibilidade cos servizos de conciliación para a rapazada, entendemos que non podemos quedar fóra do que o presidente da Xunta de Galicia denomina como o plan de residencia “máis ambicioso” da historia porque tamén é necesario facer políticas pensadas para as persoas maiores.

En todo o territorio amesán non existe ningunha instalación pública destas características, polo que é preciso poder contar o antes posible cunha residencia pública en Ames, que atenda a demanda deste tipo de servizos de atención a persoas maiores.

Creación dun centro de atención a persoas maiores
Dende o Concello de Ames lévase tempo traballando para crear infraestruturas que traten de mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Pois iso desta volta preténdese que Ames dispoña dunha das 24 novas residencias que a Xunta vai a construír en Galicia con 1.800 prazas para maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes.
 
Por outra banda, de xeito paralelo, o Goberno municipal xa iniciou xestións para a creación dun centro de atención a persoas maiores. O Arcebispado e o Concello comprométense a asinar antes do 30 de xuño de 2025 un contrato de alugueiro ou convenio por medio do que se articule a cesión de uso en favor do Concello de Ames, por un prazo de 29 anos dende a sinatura, da Casa reitoral de San Tomé de Ames, situada no lugar de Cruxeiras, xunto coas edificacións anexas e o predio do que forma parte, de 1.953 metros cadrados de superficie.

O Concello de Ames comprométese a rehabilitar a edificación, destinala a centro de atención a persoas maiores e en situación de vulnerabilidade e emerxencia social, habilitar un despacho para o párroco de Ames nas dependencias anexas á Casa reitoral e garantir o uso compartido do Arcebispado dunha sala na planta baixa da devandita Casa reitoral.

O Concello de Ames poñerá terreos a disposición da Xunta de Galicia para a construción dunha residencia pública en Ames