Solapas principales

Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia

Jueves, 29 de octubre de 2026

Esta mañá presentouse a novena edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, que se vai a celebrar do 12 ao 15 de novembro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación inclúe a proxección de máis de 70 curtametraxes, dúas retrospectivas especiais e obradoiros de cinema e ciencia. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña. Os abonos para o festival, que teñen un prezo de 3 euros, estarán dispoñibles na Billeteira electrónica desde o luns 2 de novembro. Nesta edición a sesión do sábado ás 17.00h (Buxainas 3) contará cun subtitulado específico para persoas con discapacidade auditiva.

O Concello de Ames presentou esta mañá no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a novena edición do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo, que se celebrará do 12 ao 15 de novembro. Nesta ocasión, o certame xira arredor do poder da ciencia, unha temática que atravesará a programación tanto nas proxeccións como nas actividades paralelas. O festival está subvencionado pola Deputación da Coruña, a través da convocatoria de apoio ao desenvolvemento de festivais na provincia da Coruña durante o ano 2026.

O acto contou coa participación do alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; e o director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro. Ademais, acudiu á presentación o alumnado de quinto curso de educación primaria do CEIP Agro do Muíño, que puido ver en primicia varias curtametraxes adaptadas á súa idade. Tamén asistiron á presentación representantes de entidades colaboradoras no festival.

Durante a presentación desveláronse as principais novidades do festival, así como a a estrea dunha nova páxina web, con máis contidos e información sobre o festival, e a presentación do cartel desta edición, deseñado un ano máis por Alejandra Abalde, coñecida como Srta Doti. A ilustradora propón unha imaxe arredor da curiosidade e o poder da ciencia, en sintonía co tema central desta edición.

Presentación da IX edición de Cinema Miúdo
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou que “xa estamos na novena edición deste festival que cada ano inclúe novas actividades. O ano pasado preto de 2.000 persoas participaron nas distintas actividades do festival. Agardamos que nesta edición se supere esa cifra”. Ademais dixo que “é moi importante ver cine, non só neste festival, senón na casa e nas salas de cine, porque o cine é cultura, e axuda a ter un pensamento crítico propio”.     

A concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez, convidou a todos os nenos e nenas de Ames a acudir a este festival “porque a educación non só é estudar matemáticas, ciencias ou física, que é algo moi importante, senón que tamén é ter cultura, porque canta máis cultura teñamos, mellores persoas imos ser e máis capacidade de pensar por nós mesmos teremos. Por iso, vide a Cinema Miúdo, porque o cine é cultura”.   

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, presentou a temática do Cine Miúdo deste ano, que se centra no poder da ciencia e no papel da muller na ciencia. “O festival celebrarase dos días 12 ao 15 de novembro, e ao longo de todas as xornadas haberá distintas curtas, obradoiros e diversas actividades. As entradas estarán á venta a partir do luns 12 de novembro, e será un bono de 3 euros co cal se poderá acceder a todas as actividades. Pode collerse en liña, a través da Billeteira electrónica, ou en persoa na Casa da Cultura de  Bertamiráns durante os días do festival. Unha vez coa entrada, ao chegar aquí canxearase e entregarase unha pulseira coa que se poderá acceder a todo o festival”.

Obradoiros para toda a familia
O director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro, comezou presentando esta novena edición do festival coma “un festival feito para vós, para que desfrutedes de películas e de debuxos animados que non podedes ver noutros lugares”, dirixíndose ao alumnado do CEIP Agro do Muíño. “Este ano temos algo que non tiñamos noutros, imos ter máis estreas en España e en Galicia que nunca, é dicir que ides ver películas que non as veu ninguén en toda España, e que por primeira vez as imos ter aquí. Outra cousa que imos intentar superar, que non vai ser doado, e para o que vos precisamos a todos e a todas, é bater o récord de asistencia do ano pasado, no que chegamos a case 2.000 asistentes”, explicou o director.

“Van ser tres días de festival, máis de 70 curtametraxes e dous obradoiros súper chulos, que ademais este ano teñen novidades. Serán de temática de ciencia, con experimentos e reaccións químicas, facendo volcáns e unhas cousas súper tolas que aínda non imos desvelar. Unha das novidades é un obradoiro no que poderán vir os vosos pais e nais, algo que nunca se fixo. Outra das novidades é que imos ter unha nova web, máis chula e con máis contidos”.

Proxectaranse máis de 70 curtametraxes
O festival proxectará máis de 70 curtametraxes, das que 36 competirán nas dúas categorías do festival: Axóuxeres (público menor de sete anos) e Buxainas (maiores de sete anos); e outras 17 formarán parte da sección especial para escolares. A programación incluirá máis de trinta estreas en Galicia e en España, reforzando o carácter internacional e de propostas audiovisuais novidosas dirixidas ao público infantil.

A ciencia será o fío condutor desta edición, procurando achegar o pensamento científico á infancia desde diferentes perspectivas, reivindicando o seu valor e dando visibilidade ao papel das mulleres neste ámbito. Tamén se explorará a ciencia ficción como xénero cinematográfico, a través de dúas sesións especiais de curtametraxes contemporáneas e clásicas nas que as viaxes espaciais, os robots e a ciencia son protagonistas. 

Como é habitual, o festival celebrará dous obradoiros nas mañás do sábado e o domingo, orientados a fomentar a creatividade e a curiosidade por descubrir como funciona o mundo a través da linguaxe audiovisual. A programación detallada dos obradoiros e das sesións especiais darase a coñecer nas próximas semanas.

A edición de 2025, a máis multitudinaria da historia do festival
Cinema Miúdo afronta esta nova edición tras o éxito acadado en 2025, cando preto de 2.000 persoas participaron nas distintas actividades programadas ao longo de catro xornadas, convertendo aquela na edición con máis público da historia do festival. Os nenos e nenas exerceron de xurado popular e decidiron os Premios do Público co xa característico aplausómetro e esgotaron as prazas dos obradoiros de efectos especiais e stop motion.

Tamén se rexistrou unha participación récord nos pases escolares, aos que asistiron preto de 800 nenos e nenas de nove centros educativos do concello de Ames. Como novidade, o festival estreou un novo formato nos centros educativos, un obradoiro de cine impartido por Coral Piñeiro.

Venda de abonos
A entrada ás proxeccións realizarase mediante un abono único que estará dispoñible na Billeteira electrónica do Concello de Ames, desde o luns 2 de novembro, e de forma presencial na Casa da Cultura de Bertamiráns os días do festival.

Sacaranse á venda un máximo de 300 bonos cun custo de 3 euros podendo comprar cada persoa un máximo de 4 bonos. Para comprar os abonos desde o portal da Billeteira, a veciñanza deberá facer clic no banner informativo que estará colocado no portal web durante o período no que a venda de abonos se atope activa.

O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións. Os bonos non teñen asignación de butaca, esta será por orde de entrada ao auditorio. 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Cinema Miúdo, en Ames, dedicará a la ciencia una edición que incluye más de 70 cortometrajes"

El Correo Gallego: "Cinema Miúdo trae a Ames más de 70 cortometrajes y talleres familiares"

Diario de Santiago:  "Cinema Miúdo, en Ames, dedica a súa novena edición ao poder da ciencia"

Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia

Multimedia

  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia
  • Cinema Miúdo dedica a súa novena edición ao poder da ciencia