- Tematica
O Concello de Ames súmase ao Seminario Educar e Participar para transformar, que se vai a celebrar os días 20, 21 e 22 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e nos concellos de Vedra e Ames. Esta iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela busca achegar ás persoas coñecementos, referencias e habilidades na acción comunitaria mediante a visibilización de experiencias de participación social no sector asociativo local de Galicia. A actividade en Ames terá lugar o vindeiro xoves, 22 de outubro, de 16.00 a 20.00 horas. A inscrición pode realizarse a través dun formulario premendo nesta ligazón.
Durante tres días, esta iniciativa ofrecerá un espazo de encontro, diálogo e aprendizaxe colectiva coas protagonistas do tecido asociativo de diferentes contornas de Galicia. Así, céntrase no concepto do tecido asociativo como elemento clave da acción comunitaria.
Ao longo destas tres xornadas, terán lugar sesións na facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, e nos concello de Vedra e Ames. O seminario é gratuíto e haberá servizo de transporte para o desenvolvemento da formación.
Xornada en Ames
A derradeira xornada do seminario terá lugar no concello de Ames, e arrincará ás 16.00 horas coa introdución “O entramado asociativo de Ames; da participación activa á acción comunitaria local” que estará ao cargo do membro da Universidade de Santiago de Compostela, Raúl Casal Martínez. Esta primeira parte terá unha hora de duración.
A continuación, desenvolverase un primeiro relatorio, “Tecendo redes 3: Visibilizando boas prácticas asociativas galegas”, na que participarán as asociacións CDR O Viso e Cultura Gentalha do Pichel de Santiago de Compostela. Esta actividade realizarase de 17.00 a 18.00 horas, e posteriormente farase unha pausa ata as 18.30 horas.
Tras a pausa, poderase asistir a un segundo relatorio, “Tecendo redes 4: O tecido asociativo amesá na voz das protagonistas”, no que intervirán a Asociación de Veciñas e Veciños O Reguiño de Raíces e Casanova, e o Tecido asociativo de Bugallido, ambas do concello de Ames. Este rematará ás 19.30 horas.
Tras estas propostas, haberá unha quenda de preguntas, reflexións ou suxestións, dende as 19.30 ata as 20.00 horas.
Programación
Esta iniciativa comeza o martes 20 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación en Santiago de Compostela. Ás 16.00 horas terá lugar a inauguración e presentación cunha duración dunha hora.
A continuación, desenvolverase o coloquio “Primeiras puntadas sobre educación, asociacionismo e participación para a transformación social” de 17.00 a 18.00 horas, tras o que se realizará unha pausa de media hora. Despois, haberá unha mesa de experiencias, “Experiencias en rede: proxectos, vínculos e horizontes educativos”, no que intervirán varios expertos na materia. Esta actividade tamén terá unha hora de duración, de 18.30 a 19.30 horas, tras a que haberá unha quenda de preguntas de media hora.
A segunda xornada, o 21 de outubro, terá como escenario o concello de Vedra, que contará coa mesma estrutura que a que terá lugar en Ames. A diferenza que en Ames, neste caso as asociacións protagonistas dos relatorios serán a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao; a Rede Aldear, provincias de Lugo e Ourense; e as vedrenses Asociación Cultural Papaventos e Asociación Medioambiental Amabul.







