- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 15 de outubro, a adxudicación do novo contrato de subministro en réxime de arrendamento de iluminación ornamental e servizos de montaxe, mantemento, desmontaxe e legalización das instalacións eléctricas de baixa tensión e de todos os compoñentes necesarios para as festas patronais e festas de Nadal do concello de Ames. Dito contrato, que foi adxudicado á empresa Iluminaciones Santiaguesas, conta cun orzamento de 353.320 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración de tres anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas).
Este novo contrato abarca o arrendamento, montaxe, mantemento, desmontaxe e legalización do alumeado para as campañas de Nadal, Fin de Ano, Cabalgata de Reis e festas patronais de Bertamiráns e do Milladoiro. O servizo foi adxudicado á empresa Iluminaciones Santiaguesas e conta cun orzamento de 353.320 euros (IVE incluído). O contrato ten unha duración inicial de tres anos e un ano de prórroga opcional.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “esta medida concíbese como unha decisión estratéxica de desenvolvemento local orientada a dinamizar as rúas, atraer visitantes e potenciar o comercio de proximidade e a hostalaría en núcleos como Bertamiráns e O Milladoiro”. Tamén indicou que “o novo contrato inclúe importantes melloras como un gran cono tridimensional transitable de 20 metros de altura, teitos de luz con máis de 27.000 LEDs, iluminación especial de edificios públicos e uso exclusivo de tecnoloxía LED de baixo consumo”.
Principais novidades e elementos luminosos singulares
-Cono tridimensional transitable: instalarase un elemento tridimensional iluminado de 20 metros de altura e 6 metros de base, transitable no seu interior e adaptado con rampla de acceso homologada e varanda perimetral.
-Teitos de luz: colocarase un teito luminoso decorativo cubrindo a totalidade da rúa designada cun mínimo de 27.000 puntos LED.
-Decoración de edificios e espazos públicos: iluminaranse as fachadas de contornos clave como a Casa do Concello, as Casas da Cultura, bibliotecas, centros de maiores e instalacións deportivas, xunto con rótulos tridimensionais do ano novo e o logotipo municipal.
-Decoración nas parroquias: as diferentes parroquias do concello contarán con arcadas ornamentais para estender a atmosfera festiva por todo o municipio.
Cobertura de festas, Fin de Ano e Cabalgata de Reis
A campaña de Nadal contará con iluminación e elementos decorativos acendidos de xeito estimado entre o 1 de decembro e o 7 de xaneiro.
Ademais, o novo contrato inclúe decoración e montaxe eléctrica especializada no pavillón polideportivo de Bertamiráns para a Festa de Fin de Ano, con proxectores de iluminación indirecta con programación propia, elementos 3D colgantes no teito e xeradores silenciosos.
Tamén están incluídas no contrato as Cabalgatas dos Reis Magos do Milladoiro e Bertamiráns. Para iso deseñaranse tres carrozas temáticas sostibles para os Reis Melchor, Gaspar e Baltasar, equipadas con faldóns perimetrais de seguridade a menos de 20 centímetros do chan, equipo de son profesional e xeradores insonorizados.
Por último, inclúese ás festas patronais e outros eventos. Ofrecerase o servizo de alumeado para as festas patronais do Milladoiro e Bertamiráns, no mes de agosto, e apoio a eventos municipais ao longo de todo o ano.
Compromiso coa eficiencia enerxética e a calidade técnica
Todas as luminarias adscritas serán de tecnoloxía LED e baixo consumo, reducindo ao mínimo o impacto ambiental e a contaminación lumínica. Ademais, o proceso de adxudicación reduciu o peso do prezo económico para priorizar a calidade técnica, o plan de montaxe e as melloras decorativas ofertadas polas empresas.
Máximo rigor técnico e seguridade
Para garantir o correcto funcionamento das instalacións, a empresa adxudicataria disporá dunha brigada de garda permanente a menos de 30 quilómetros do municipio, con capacidade para acudir a resolver calquera avaría nun tempo máximo de 30 minutos. Blíndase tamén a seguridade xurídica e técnica mediante a redacción obrigatoria dos proxectos eléctricos, os boletíns de legalización e o mantemento dunha póliza de seguro de responsabilidade civil.








