- Tematica
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da nova tempada de Radio Cidadá, a iniciativa de Ames Radio que permite á veciñanza amesá facer o seu propio programa de radio dende o ano 2017. Nesta nova convocatoria emitiranse un total de 17 programas. No acto estiveron presentes 9 membros desta nova edición. Ademais, reproduciuse un vídeo de dous dos novos programas que non puideron asistir: Mar de fondo e Venver. Arte con retranca. Consulta a programación desta nova edición de Radio Cidadá 2026-2027.
No acto de presentación participaron os técnicos de Ames Radio, Juan Luis Silva e Belén Martínez; e o alcalde de Ames e responsable do departamento de Comunicación, Blas García.
O alcalde, Blas García, destacou na súa intervención o seu orgullo polo éxito que supón esta iniciativa dentro da radio municipal de Ames: “máis alá do traballo diario, creo que este é o proxecto máis importante que temos na radio, xa que é unha forma de democratizala e facela pública, cambiando as tornas e permitindo que os oíntes tamén poidan ter voz neste espazo. Ademais, tamén a modernizamos, xa que hoxe en día calquera persoa pode escoitar Ames Radio dende calquera lugar e a calquer hora do día”.
Tamén, sinalou o seu agradecemento e felicidade porque un ano máis siga habendo persoas que se animen a participar, algúns repetindo experiencia, e outros incorporándose por primeira vez.
Juan Luis Silva destacou a presenza dalgúns participantes que están presentes dende os primeiros pasos da Radio Cidadá: “para min é unha honra que contedes con nós para facer radio, que creo que é unha posibilidade que ofrecen poucos concellos, ou ningún”.
Belén Martínez, pola súa banda, presentou esta nova edición que “a primeira emisión será o vindeiro luns, pero que xa comezamos a gravar onte”.
“A idea deste encontro é coñecer que é o que vos trae ata aquí un ano máis a aqueles que repetides, pero tamén coñecer eses novos catro programas que se incorporan a esta nova edición da Radio Cidadá”, sinalou.
Programas consagrados
As emisión da Radio Cidadá comezarán o vindeiro 12 de outubro coa emisión dun dos programas máis lonxevos da iniciativa, como é Vivirmos nun mundo finito, conducido por Manu Casal, que se emitirá ás 19.30 horas. Este, leva xa nove anos nas ondas de Ames Radio.
Outro dos programas xa consolidados na Radio Cidadá é Tangos de la Esquina Sur, de Daniel Rilo, co que o locutor busca fuxir da idea de que o tango é algo triste, e que ten como obxectivo achegar á xente este tipo de música, así como orquestras e artistas. Por outra banda teremos de novo Miradas, de Perla Alonso e De Museo, de Rosa Martínez, un programa sobre cultura galega que aborda temas moi variados, como por exemplo a historia da muller en Galicia, ata os propietarios dos montes galegos. Os catro acompañan á veciñanza amesá dende o inicio dos programas de Radio Cidadá en 2017.
Ademais, tamén repiten este ano programas como O protocolo é para todos, con Margarita Murillo, no que o foco está no protocolo social, as boas maneiras e o respecto de cara a ter unha boa convivencia en sociedade; Apuesta por el Rock&Roll, con Chelsea Runaway; Voces Invisibles, de Iria Tojo; Las Carabelas del siglo XXI, de Francisco Javier Salas; Alcohólicos Anónimos na súa comunidade, coa asociación; Conecta2, con Vanesa González e David Costoya, unha proposta para divulgar cultura galega e que esta edición contará con dúas novas seccións; Ames en dixital, con Isabel Viñas, que se basea na divulgación sobre como empregar as ferramentas dixitais correctamente, dirixido a pymes, comercios e emprendedores; El cuerpo que habitamos, con Martha Franco; e Un café en Ames, con Seu Bermúdez, unha proposta que nace do amor polo concello de Ames e pola súa xente.
Nova programación
As novas incorporacións desta nova convocatoria de programas de Radio Cidadá enriquecerán a grella da programación da radio municipal con catro propostas moi interesantes.
A Quinta Parede, con Noelia Papín, Miguel Gendre e Lara Pouso, chega para amosar dende dentro a profesión teatral, e para levar o teatro agora tamén a través das ondas.
Como explicou Miguel Gendre, o obxectivo é “darlle unha volta ás artes escénicas e mostrar iso que moitas veces non se ve, a cara oculta do teatro”.
Noelia Papín sinalou a emoción do equipo por ter a oportunidade de gozar deste espazo, e adiantou que falarán da actualidade teatral da contorna, así como das súas experiencias, inquedanzas e cousas que lles pasan como profesionais do teatro.
Venver. Arte con retranca, con María Tojeiro, é unha proposta cultural e divulgativa adicada ao mundo da arte nas súas múltiples representacións, co obxectivo de achegalo á cidadanía.
“A arte non só está nos museos, senón na rúa, música, e en tódalas historias que moitas veces pasan desapercibidas”, explicou a creadora.
Mar de Fondo, con María Nieves Iglesias, un pódcast do Espazo a Proa que busca ofrecer unha visión realista e humana do emprendemento, fuxindo de discursos superficiais.
“O obxectivo é dar vo ao talento emprendedor do noso concello, e creo que non hai mellor canle que a radio municipal para chegar á veciñanza”, sinalou María Nieves Iglesias.
Onde imos parar?, con David Marante, un programa que nace da vontade de darlle voz a diferentes persoas que están a liderar a escena cultural galega e aos seus proxectos.
Este é un programa para falar con calma e profundidade e para abordar o como e o por que dos temas que encabezarás o programa, fuxindo da rapidez que predomina na actualidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Radio Cidadá de Ames estrea tempada con 17 programas e catro novas incorporacións"
Diario de Santiago: "Volta Radio Cidadá ao estudo de Ames Radio, o espazo radiofónico da veciñanza amesá que este ano presenta catro novos programas"















