A Xuntanza de Empresarios de Ames, coa colaboración do Concello de Ames, organiza a sexta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames, quen ten como obxectivo fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do noso concello. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes vai do 5 de outubro ao 4 de novembro de 2026. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com. Podes consultar as bases completas do Enfoca Ames 2026 na seguinte ligazón.
Por sexto ano consecutivo, XEA e o Concello de Ames, a través dos departamentos de Medio Ambiente e Turismo, organizan unha nova edición do Enfoca Ames. Neste certame poden participar todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando unha única fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta. A fotografía que se pode ver no cartel deste ano, é a gañadora na categoría de patrimonio do Enfoca Ames 2025.
As fotografías que participen, serán expostas no local da Xuntanza de Empresarios de Ames, localizado na rúa do Pedregal número 4, e serán publicadas nas redes sociais de XEA e o Concello de Ames. Ademais desta iniciativa, que pretende dar visibilidade ás pezas participantes, algunhas das instantáneas premiadas en edicións anteriores están expostas nunha lona dun edificio do centro de Bertamiráns.
Presentación da sexta edición do concurso
A presentación do certame realizouse esta mañá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A dito acto asistiron o alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure; e a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda. Por parte de XEA asistiron o presidente, a xerente e un dos vogais da asociación, Ramón Cordido, Beatriz López e Germán Mariño.
O alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García, puxo o foco na importancia desta iniciativa “para poder descubrir o noso concello, de dúas maneiras. Por unha parte, descóbreno as persoas que participan e presentan as súas obras, pero tamén a cidadanía, xa que a través desas fotos, moitos veciños e veciñas de Ames coñecen algúns dos lugares máis fermosos que temos no noso concello. Xa son moitas edicións nas que saen lugares simbólicos moi coñecidos, como A Ponte Maceira ou a praia fluvial de Tapia, que ademais é protagonista do cartel deste ano e foi a foto gañadora da categoría patrimonio en 2025. Pero tamén hai outros lugares do concello que se descobren, o que serve para que despois se poidan visitar”.
Destacou a importancia da participación e da colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames, e afirmou que “desde o Goberno sempre defendemos a transversalidade das áreas. Aquí está Turismo e Medio Ambiente, así como a colaboración coas asociacións e colectivos locais, que é tan importante”.
Fotografías de lugares emblemáticos ou cun patrimonio natural/histórico agochado
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, afondou nos obxectivos da iniciativa Enfoca Ames, que resumiu en “dar a coñecer as localizacións menos coñecidas para a veciñanza e para a xente de fóra do concello, e fomentar que se visiten ditos lugares. Estes puntos son, en moitas ocasións, emblemáticos, ou conteñen un patrimonio natural ou histórico agochado”.
Con este fin, fixo un chamamento á participación das persoas que teñan algunha localización en mente ou que quizais conten cun recuncho especial. “Animo a todas esas persoas a que participen. Hoxe en día todos andamos cun móbil e serve perfectamente para facer unha fotografía. Teñen que darlle un enfoque creativo e presentar esa fotografía”.
O presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames Ramón Cordido, indicou que o prazo de entrega destas fotografías é dende hoxe ata o vindeiro 4 de novembro. Explicou que “teremos tres categorías, igual que o ano pasado, que son paisaxe, patrimonio e artística. Anímovos a consultar as bases nas redes sociais e na web do Concello. Haberá tres premios en cada categoría, todos con cheques para gastar nos nosos comercios, que serán un primeiro premio de 200 euros; o segundo de 100 euros; e o terceiro de 75 euros”.
Patrimonio natural, artístico e/ou cultural de Ames
As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría.
Existen tres categorías diferentes: paisaxe, patrimonio e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debe mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría patrimonio a fotografía debe recoller o patrimonio material (igrexas, cruceiros, pontes, muíños, etc) ou inmaterial (tradicións ou expresións vivas, verbenas, romarías, etc.) do noso concello. Por último, na categoría artística permítese a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal. Esta categoría está relacionada cun aspecto máis subxectivo e surrealista.
Presentación das obras
As obras deberán ser enviadas xunto co impreso de inscrición ao correo electrónico enfocames@gmail.com. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames, no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfocames, así como noutras redes sociais que se consideren de interese para promoción e difusión do concurso. O prazo de entrega das imaxes vai do 5 de outubro ao 4 de novembro de 2026.
Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 200 euros, o segundo de 100 euros e o terceiro de 75 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. Ademais, as persoas premiadas recibirán un galardón creado en especial por unha empresa amesá. O resultado do concurso será publicado o día 9 de novembro nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica.






