Solapas principales

O Concello aproba unha licenza de obra para a construción dun novo edificio en Bertamiráns con 56 vivendas, baixo comercial, oficinas e garaxes

Sábado, 03 de octubre de 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 24 de setembro unha nova licenza de obra, para a construción dun edificio na rúa Pedregal, en Bertamiráns, cun total de 56 vivendas, baixo comercial, oficinas, garaxes (81 prazas para automóbil e 7 para vehículos de dúas rodas) e rochos. A concesión desta licencia súmase a outras dúas concedidas na Xunta de Goberno Local do pasado 2 de xullo deste ano, para a construción dun edificio de 7 vivendas na na rúa Muíño do Porto; e para a construción de 5 vivendas unifamiliares na avenida da Peregrina. Deste xeito, construiranse 63 novas vivendas e 5 novas vivendas unifamiliares en Bertamiráns.

Desde o departamento de Urbanismo do Concello de Ames lévase tempo traballando para a construción de nova vivenda por parte de promotores privados. Esta medida busca atraer investimento, dinamizar o solo urbano e fomentar unha oferta diversa e equilibrada de vivenda no termo municipal. Dende o Goberno local sinalan que estas accións forman parte dunha estratexia integral para facilitar o acceso á vivenda e fomentar un urbanismo sostible, cohesionado e adaptado ás necesidades reais da veciñanza.

O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explica que “avanzamos na concesión de novas licenzas de obra para a construción de nova vivenda, tanto de carácter público como privado, coa finalidade de dar resposta á demanda da veciñanza e facilitar e abaratar o acceso á vivenda en Ames. Nestes últimos meses aprobouse a concesión de licenzas de obras para dous edificios para a construción de 63 novas vivendas e para a construción de 5vivendas unifamiliares. 

Fernández engade “isto súmase a outros tres edificios con 79 novas vivendas que xa se están construíndo en Bertamiráns. En total disporase de 142 novas vivendas e 5 novas vivendas unifamiliares en Bertamiráns. Ademais, no Milladoiro está previsto a construción  dun novo edificio no Milladoiro con 78 vivendas na rúa da Madalena, na esquina coa rúa de Xaquín Lorenzo; e maila creación de 218 vivendas de protección oficial a cargo da Xunta de Galicia”.

Nova vivenda no zona do Pedregal
Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 24 de setembro unha nova licenza de obra, para a construción dun edificio na rúa Pedregal, número 11, en Bertamiráns, cun total de 56 vivendas, baixo comercial, oficinas, garaxes (81 prazas para automóbil e 7 para vehículos de dúas rodas) e rochos. O edificio terá unha ocupación de 1.343,68 metros cadrados e unha edificabilidade e 6.105,78 metros cadrados. O orzamento de execución material do proxecto ascende a 3.200.430,32 euros, mentres que o orzamento de execución material segundo a ordenanza vixente é de 7.301.056 euros. 

Trátase dunha zona na que na actualidade xa se están construíndo dous novos edificios, que están situados na rúa Rueiro. O primeiro disporá de 27 vivendas, situado na parcela R-2 APE B7-01; e o segundo terá 36 vivendas e está situado na parcela R-12 APE B7-01. Ademais, na Travesía da Peregrina tamén se están realizando obras para construír un novo edificio que albergará 16 vivendas. En total son 79 novas vivendas.  

Construción dun edificio de 7 vivendas e de 5 vivendas unifamiliares
Ademais, na Xunta de Goberno Local do pasado 2 de xullo deste ano aprobáronse outras dúas licenzas de obra para a construción dun edificio de 7 vivendas no ámbito de solo urbanizable Rego dos Pasos Sur II; e para a construción de 5 vivendas unifamiliares na avenida da Peregrina. 

Dito edificio vai ser executado pola Inmobiliaria Rego dos Pasos SL na parcela R2 da APE B7-04, Rego dos Pasos Sur II, que está situada na rúa Muíño do Porto; mentres que as 5 vindas unifamiliares de planta baixa e primeira serán construídas por Promociones Mallón Vilas, na parte superior da avenida da Peregrina (antes da rotonda da AG-56) e contarán cunha superficie construída de 1.435,10 metros cadrados.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aprueba la licencia de un edificio de 56 viviendas en Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Ames dá luz verde a 56 novas vivendas en Bertamiráns"

Imaxe da parcela do edificio de 56 vivendas

Multimedia

  • Imaxe da parcela do edificio de 56 vivendas
  • Imaxe do proxecto básico do edificio de 7 vivendas
  • Imaxe do proxecto das 5 vivendas unifamiliares
  • Imaxe do proxecto das 5 vivendas unifamiliares
  • Imaxe do proxecto das 5 vivendas unifamiliares