O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 4 de outubro, a partir das 11:00 horas, facendo unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas. Para participar hai que estar ás 11.00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Na páxina web de Proxecto Ríos atoparás máis información sobre a iniciativa “Móllate polos ríos”, as limpezas de río, os participantes e colaboradores, etc.
Con esta iniciativa, búscase concienciar sobre a importancia de manter limpos e libres de lixo os nosos ríos, dos que cada ano se recollen miles de quilos de lixo a través da iniciativa de voluntariado ambiental “Proxecto Ríos”. A finalidade é garantir a súa saúde e conservar os nosos ecosistemas fluviais, así como a biodiversidade galega.
A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando dende o ano 2008 unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais e amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
Limpeza do rego do Ameneiral
O Concello de Ames súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar este domingo, 4 de outubro, na limpeza de ríos e regos de Ames. O punto de inicio e finalización estableceuse na praza do Concello, en Bertamiráns. Neste punto de encontro recibirase, ás 11:00 horas, a todos/as os/as participantes. Unha vez realizada a presentación da actividade e, tras dar as instrucións oportunas sobre como se debe desenvolver a limpeza, faranse diversos grupos. Este ano realizarase unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas.
Está previsto que as labores de limpeza rematen arredor das 13:00 horas. Unha vez transcorrida a actividade, os/as participantes reuniranse de novo na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos. Despois todo será depositado nos correspondentes contedores. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.
Convocatoria á veciñanza de todo o concello
Ademais do rego do Ameneiral, desde o Concello faise un chamamento ás asociacións de veciños para que participen nesta iniciativa e se sumen na limpeza do resto de ríos e regatos que pasan polo termo municipal de Ames.
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, fai un chamamento ás asociacións de veciños para que convoquen á veciñanza de cada parroquia para que participen nesta iniciativa. “Animamos á veciñanza das parroquias a que formen grupos e que saian a realizar a limpeza polo rego que teñan máis próximo. É vital implicar aos máis novos para inculcar esta cultura de conservación do medio. Unha vez feita a recollida, deben de avisar ao Concello sobre os puntos onde depositaron os sacos con lixo para recollelos”.
Materiais necesarios e recomendados
Para poder desenvolver a actividade de xeito correcto e seguro, desde o Concello recoméndase que, na medida do posible, cada persoa porte algúns materiais para participar na actividade. En primeiro lugar, recoméndase o uso de luvas, preferiblemente as que se empregan para fregar. Isto débese a que as compostas de vinilo ou látex rompen con maior facilidade e deste xeito podemos contribuír a xerar máis residuos. Tamén se invita aos participantes a levar botas de auga, se dispoñen delas.
Por outra banda, serán necesarios pinchos ou paus con pincho na punta para facilitar a recollida de lixo, así como bolsas grandes, sacos, ou ben caldeiros grandes ou recipientes similares para depositar e transportar o lixo recollido. Neste sentido, poderanse solicitar algúns destes materiais ao Concello.
Medidas de seguridade
Ao longo da xornada, será preciso manter algunhas medidas e ter precaución á hora de recoller residuos, para que ninguén se manque. É fundamental non arriscar a integridade física por coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles. Nos casos nos que se complica a recollida, é preferible chamar ao Concello para que se encargar do lixo máis problemático. Así mesmo, si se recollen cristais, vidros, ferralla ou calquera material cortante, prégase facelo coa maior precaución posible.
Na mesma liña, para que ninguén sufra ningunha lesión, recoméndase que sempre que se levanten pesos se faga dobrando os xeonllos, ademais de pedir axuda a outros compañeiros ou compañeiras sempre que o consideren preciso.
Tamén é importante lembrar o perigo de caer ao río, polo que se recomenda extremar a precaución cando se estea preto del, evitando non traballar de costas á canle do río, especialmente si se está a arrincar algo que está soterrado. Débese ter especial coidado en zonas de corrente forte e profundas. Por último, pero non menos importante, en caso de levar nenos ou nenas de acompañantes, cómpre prestarlles especial atención, e evitar que queden sós ou soas.







