Solapas principales

Ames Radio acolleu esta mañá a presentación do show “Aínda estamos de festa!” dirixido ás persoas da terceira idade do concello

Miércoles, 30 de septiembre de 2026

O Concello de Ames, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Xacobeo 2027, celebra este xoves 1 de outubro o Día do Maior co espectáculo humorístico “Aínda estamos de festa!”, dirixido polos cómicos Pepo Suevos e Dani Dopazo. A Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 19.00 horas, acollerá este show para gozar, recordar e rir xuntos. A entrada é de balde ata completar aforo. Esta actividade servirá como inicio do programa de envellecemento activo Amessán durante curso 2026-2027.

A iniciativa, levada a cabo polo Concello de Ames en colaboración coa Xunta de Galicia e o Xacobeo 2027, realízase no marco do Día Internacional das Persoas Maiores, celebrado cada 1 de outubro. A presentación deste espectáculo correu a cargo da concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García; do responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos; e dos cómicos Pepo Suevos e Dani Dopazo, que protagonizan o show humorístico “Aínda estamos de festa!”, que se vai a celebrar este xoves, 1 de outubro, ás 19.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

Os encargados de dirixir o espectáculo anunciaron que se trata dun encontro cheo de improvisación e humor, así como de música en directo. Aseguraron que “haberá diversos instrumentos de percusión, como por exemplo un caixón flamenco, e tamén haberá sorpresas, xa que sempre buscamos implicar ao público”.

Como naceu “Aínda estamos de festa!”?
Un dos integrantes do dúo de cómicos, Pepo Suevos, explicou como naceu a idea do show, e como foi evolucionando ata o día de hoxe: “Nun principio a idea era recrealo en centros de maiores, porque danos moita rabia que as persoas que están nestes centros non teñan a posibilidade de asistir a sitios onde pasalo ben, ou, como di o título, a unha festa. Por iso a nosa intención era achegar o show a estes lugares, pero finalmente fóisenos das mans, xa que sería complicado representar algo destas dimensións nun centro de maiores”.

Pola súa parte, Dani Dopazo, engadiu: “Este espectáculo naceu dunhas conversas que tivemos Pepo e eu, un pouco de broma, pero que ao final enfocamos cara a xente da terceira idade, coa idea de que interactúen con nós. Facemos unha mestura de comedia e música en directo para contarlle unha historia ao público e buscando uns personaxes. Nos temos dous personaxes que son dous irmáns, e imos na busca dunha antiga moza do noso pai. E con esa escusa, imos entre o público buscando a unha tal Carmiña”.

Actividades para os maiores
A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, fixo fincapé na importancia de coidar aos maiores do concello de Ames, e de facelo a través dunha programación que inclúa a este sector tan importante da nosa sociedade, ofertando actividades pensadas exclusivamente para eles: “A idea é facer unha festa coa axuda de Pepo e Dani, e visibilizar a tódolos maiores que temos no noso concello. É o pistoletazo de saída para o programa Amessán, que medra ano tras ano.”

“Eu creo que é algo que lles debemos, eles tiveron a súa época de coidados, e agora tócanos a nós. Creo que é importante achegarlles o mundo da cultura e da música”, puntualizou a concelleira.

Programa Amessán
O responsable da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos, lembrou que esta iniciativa pertence ao programa Amessán, que cada ano realiza actividades para as persoas da terceira idade do concello: “É a apertura para que a vindeira semana comecen as actividades deste programa para as persoas maiores de 60 anos do noso concello, así como para aquelas persoas con algunha discapacidade ou algún problema de saúde”.

Por último, sinalou o crecemento que o programa tivo nos últimos anos: “Estamos no ano 23 deste programa que empezou sendo algo moito máis pequeno, e agora xa estamos a recibir as últimas inscricións, e vendo toda esa xente que queda en lista de espera. Tamén, durante estes anos fixemos un fortalecemento das actividades en tódalas parroquias, para chegar a aquelas persoas do rural ás que se lles complica acudir aos núcleos como no noso concello son O Milladoiro e Bertamiráns”.

Ames Radio acolleu esta mañá a presentación do show “Aínda estamos de festa!” dirixido ás persoas da terceira idade do concello