Esta mañá, a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o coordinador de Alcer Galicia, Alfredo Saborido; e o monologuista Pepo Suevos, presentaron o monólogo “Á caída”, un evento solidario a favor da doazón de órganos que se vai desenvolver o vindeiro venres, 25 de setembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns desde as 20.00 horas. O donativo será de 10 euros e poderá facerse a reserva a través do enderezo de correo electrónico eventossolidarios@alcercoruna.org ou chamando ao teléfono 670 339 066.
O Concello de Ames, en colaboración con Alcer Coruña, acollerá o vindeiro venres, 25 de setembro, “Á caída”, un monólogo solidario de Pepo Suevos a favor da doazón de órganos. Esta mañá, a concelleira de Benestar Social, Uxía García; o coordinador de Alcer Galicia, Alfredo Saborido; e o monologuista veciño de Ames, Pepo Suevos, presentaron esta iniciativa, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 20.00 horas.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, sinalou que “Esta é unha iniciativa de Alcer, que nos pide unha colaboración para facer un acto no noso concello. E coma sempre, dende o Concello de Ames consideramos que temos que estar aí apoiando estas iniciativas das asociacións que apostan por unha mellor calidade de vida. Desde a miña situación no concello doulles todo o meu apoio. A iniciativa sempre parte deles e que mellor que estar aquí hoxe presentándoa”.
Pola súa parte, o coordinador de Alcer Galicia, Alfredo Saborido, indicou que “esta iniciativa nace do noso programa que se chama "Alcer sete vidas", que fai referencia a que cun corpo poden salvarse ata sete vidas. Arrancamos en Bertamiráns con este espectáculo de Pepo, pero imos trasladalo a sete vilas. O obxectivo é traspasar esas actuacións e chegar ás barras dos bares. O noso labor está un punto máis alá dos hospitais”.
Por último, Pepo Suevos fixo fincapé en que “A cultura serve para todo, dá igual a finalidade que busques. No meu caso aposto máis polo desenfado, pola integración, pola normalización das cousas, son unha persoa buscarisas. Desde un escenario, alternando risas con mensaxes de compromiso, as cousas entran moito máis suaves. Non é a primeira vez que colaboro con Alcer, xa comecei o ano pasado e decidimos que podía ser interesante alongar isto ante os bos resultados ”
O monólogo
Pepo Suevos será o encargado de amenizar esta xornada solidaria. O actor, humorista e guionista veciño de Ames presenta o monólogo “Á caída”, un espectáculo de Ainé Producións que xira arredor dos límites do humor que conta tamén con momentos de improvisación e interacción directa co público. Un show aberto, atrevido, arriscado e moi divertido.
Trátase dunha xornada de humor e diversión pensada para todos os públicos que ten como obxectivo principal manter e impulsar as actividades de sensibilización que Alcer Coruña realiza no día a día en materia de doazón de órganos. A iniciativa demostra que falar dun tema tan vital tamén se pode facer desde a cultura e a unión comunitaria.
Para facer a tarde máis dinámica, durante o evento haberá rifas solidarias. Ademais, para aquelas persoas que desexen colaborar coa causa pero non poidan asistir de xeito presencial, habilitouse a opción de achegar o seu gran de area mediante Bizum a Alcer Coruña no 05242.
As entradas xa están dispoñibles de forma anticipada nos seguintes puntos colaboradores: Secretos del Tocador (Bertamiráns), Libraría Nenos e Nenas (Milladoiro). Tamén é posible reservalas chamando ao teléfono 670 339 066 ou a través do correo electrónico eventossolidarios@alcercoruna.org. Desde a organización anímase a todas as persoas a sumarse a este espazo de encontro e risas: un pequeno xesto que axuda a visibilizar unha causa que salva vidas.
Alcer Coruña
A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, Alcer Coruña, ten como obxectivo prestar atención psicosocial e mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal e aos seus familiares na provincia de A Coruña. Ademais da atención, asesoramento e intervención con persoas con enfermidade renal, entre os obxectivos da entidade tamén está a sensibilización á cidadanía sobre a doazón de órganos e a importancia dos hábitos de vida saudable para o coidado da saúde renal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Alcer Coruña lleva el humor y solidaridad de Pepo Suevos hasta Ames para concienciar sobre la donación de órganos"
Diario de Santiago: "O Concello de Ames, Alcer e Pepo Suevos presentan o monólogo solidario “Á caída”"






