O Concello de Ames vai celebrar por oitavo ano consecutivo a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2026 se desenvolverá no municipio os días 25 ao 26 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade para todas as persoas. Deste xeito, o programa inclúe unha marcha ciclista nocturna cun percorrido de 8 quilómetros que se desenvolverá o día 25 de setembro en Bertamiráns; e actividades e xogos populares en bici previstos para o sábado 26 de setembro no Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nestas actividades xa está aberto, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Na organización desta actividades colaboran a Policía Local e maila Agrupación de Protección Civil.
A Semana Europea da Mobilidade é unha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía, sobre as consecuencias negativas que ten para a saúde pública e o medio ambiente o uso excesivo do coche na cidade. Así mesmo, busca promover o uso de modos de transporte máis sostibles, en particular, o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. Mobilidade para todas as persoas é o lema da VIII Semana Europea da Mobilidade do Concello de Ames.
Neste senso, o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu hoxe a presentación da programación da VIII Semana Europea da Mobilidade de Ames. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “seguimos apostando pola mobilidade, pero non só cando celebramos a semana da mobilidade, senón que este goberno municipal leva apostando por unha mobilidade real desde comezos de mandato. Nós temos claro que as rúas teñen que ser das persoas e non dos vehículos. Hai que cambiar os hábitos diarios para non chegar á porta da casa co coche. As actividades previstas xa están moi consolidadas entre a veciñanza amesá e dá gusto ver a familias completas participando na marcha ciclista. Animo á veciñanza a participar nestas actividades porque forman parte das políticas de mobilidade que redundan na promoción da saúde”.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destacou que “xa hai inscritas 220 persoas na marcha ciclista nocturna do venres á noite e 30 nenos/as para os xogos en bici que se van realizar o sábado no aparcadoiro de Agriños no Milladoiro. Este ano repartiremos un novo xogo coa mascota da semana da mobilidade, a Curuxa Maruxa, que se chama Bule, bule e atopa a túa parella! Desde este goberno seguimos apostando pola mobilidade, aínda que sabemos que non é doado cambiar as costumes, pero confiamos en que a xente pouco a pouco vaia cambiando os seus hábitos. Nos últimos anos estanse priorizando políticas de humanización, para darlle prioridade ás persoas nos espazos públicos”.
Marcha ciclista nocturna e xogos populares en bici
O programa dará comezo o vindeiro venres, 25 de setembro, coa xa tradicional marcha ciclista nocturna, que dará comezo a partir das 21.30 horas. Ao igual que en edicións anteriores, farase un percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida participar. Para participar é preciso levar chaleco reflector, casco e luz durante a marcha. Para esta actividade contarase coa colaboración da Policía Local e da Agrupación de Protección Civil.
As persoas que participen na marcha ciclista recibirán unha camiseta de agasallo. Os nenos e nenas participantes na marcha e xogos en bici tamén recibirán un xogo coa mascota da semana da mobilidade, a Curuxa Maruxa, que se chama Bule, bule e atopa a túa parella!
O sábado 26, a acción centrarase en actividades e xogos populares en bici, orientados a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Ditas actividades desenvolveranse no aparcamento de Agriños, no Milladoiro, a partir das 17.00 horas. Cada neno ou nena participante deberá levar a súa propia bici e un casco para garantir a seguridade en todo momento. Os xogos estarán divididos segundo a idade dos rapaces e rapazas, xa que un/unha neno/a de 5 anos non ten a mesma axilidade que outro rapaz/a de 10 anos.
Inscrición nas actividades
Para poder participar tanto na marcha ciclista nocturna como nas actividades e xogos populares en bici será necesaria unha inscrición previa. Esta deberá realizarse no enderezo de correo electrónico mobilidade@concellodeames.gal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames apuesta por el transporte sostenible con el inicio de la octava edición de la Semana Europea da Mobilidade"









