- Tematica
Xa está todo preparado para que o concello de Ames acolla mañá domingo, 20 de setembro, o XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros. Trátase da proba máis relevante do atletismo internacional de ultrafondo que se celebra desde 1987. Na organización deste evento o Concello de Ames conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Deportes, do Xacobeo 2027, e da Deputación da Coruña. O campionato conta cunha participación récord de 392 atletas, entre os que se atopan o atleta lituano, Aleksandr Sorokin, que dispón do récord mundial nesta distancia; e un atleta nado en Ames, Jesús Sáinz, que na actualidade reside en O Pino. A proba estará marcada polas altas temperaturas, polo que se reforzou o abastecemento de auga e xeo, haberá catro postos médicos, e unha zona de duchas na metade do circuíto.
As rúas de Ames están cheas de deportistas chegados de máis de 40 países diferentes para participar este domingo, 20 de setembro, no XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros. Esta mañá a praza do Concello, en Bertamiráns, era un bo exemplo do ambiente deportivo que se vive esta fin de semana en Ames debido á celebración desta proba deportiva que é a máis relevante do atletismo internacional de ultrafondo. O posto de recollida de dorsais está instalado na Casa do Concello. Ademais, esta mañá, realizouse unha conferencia de prensa previa á proba no salón de plenos na que participou o alcalde de Ames, Blas García; o vicepresidente da IAU, Jacek Bedkowski; e o presidente do Comité Organizador Local, Francisco Rico.
O alcalde de Ames, Blas García, incidiu “na importancia que ten para Ames acoller este campionato do mundo. Hai moita xente doutros países e xa se ve moito ambiente polas rúas. Esta proba deportiva vainos a dar unha difusión moi importante por todo o mundo para a dar a coñecer o noso concello en moitos países. Estou moi contento por dar este paso e poder organizar este campionato aquí en Bertamiráns”. Ademais sinalou que debido á calor prevista para mañá “tivemos que reforzar os postos médicos, ambulancias, así como o abastecemento de auga e xeo. Aínda así, penso que vai a saír todo ben. Ademais hai un atleta nacido en Ames que vai a participar no campionato do mundo e animo a toda a veciñanza a que saía á rúa animar aos atletas”.
O vicepresidente da IAU, Jacek Bedkowski, destacou “estivemos aquí en Los Alcázares en 2016 e agora estamos de volta, así que estamos moi contentos. Tamén tivemos a oportunidade de participar no evento de 50 km aquí en España; por tanto, España acolle para nós un par de citas importantes. Estamos moi felices e comprácenos traer a atletas de todo o mundo. A proba de 100 km é moi recoñecida e constitúe a nosa columna vertebral; agradecemos a invitación e a acollida. Ata o de agora a experiencia foi fantástica, así que moitas gracias”.
O presidente do Comité Organizador Local, Francisco Rico, dixo “quero agradecer ao Concello de Ames e especialmente ao seu alcalde, Blas García, e a toda a Corporación municipal o gran esforzo realizado. Grazas ao traballo conxunto, creo que organizaremos un excelente campionato. Polo xeral, as temperaturas neste campionato rondaron os 20 graos en anos anteriores. Para mañá espéranse temperaturas máis elevadas, pero o Comité organizador e o Concello de Ames estamos a colaborar para implementar medidas que eviten problemas aos corredores. Esperamos unha gran competición e que os atletas desfruten da súa estancia. Ames conta con lugares marabillosos, como Ponte Maceira, e desexo sinceramente que tanto os corredores como as delegacións desfruten do evento e deste municipio”.
Está previsto que durante a proba se superen os 30 grados de temperatura. Debido a isto dende a organización indican que se instalará un posto de auga a maiores do previsto e haberá moita auga e xeo. Haberá numerosos puntos con xeo e tamén se instalarán catro postos médicos. Haberá abundante xeo e auga e unha zona de duchas na metade do circuíto.
Récord de participación
O campionato conta cunha participación récord de 392 atletas. Na categoría absoluta están inscritos 248 atletas (146 homes e 102 mulleres), mentres que na categoría máster hai inscritos 144 atletas. Esta cifra de 392 atletas increméntase en 155 persoas máis, correspondente a oficiais e acompañantes, co cal 547 persoas van a participar neste campionato do mundo.
Cómpre destacar a participación do atleta lituano, Aleksandr Sorokin, que dispón do récord mundial nesta distancia; dun atleta de 83 anos na categoría máster; e dun atleta nado en Ames, Jesús Fernando Sáinz Tresguerras, tamén coñecido como Chusa, que na actualidade reside en O Pino, e vai a participar na categoría máster de entre 35 e 39 anos. Nesta categoría só están inscritos tres corredores nacionais e o seu obxectivo é rematar a proba en 10 horas.
Neste campionato tamén hai récord de participación con equipos de máis de 40 países diferentes. Van a participar equipos de 43 países (2 de África, 5 de América, 7 de Asia, 2 de Oceanía e 27 de Europa).
Cerimonia de inauguración
Hoxe sábado, 19 de setembro, ás 16.30h celebrarse a inauguración do campionato cun desfile de bandeiras dos diferentes países que participan no campionato, desde a praza do Concello ata o parque do Ameneiral. Cómpre destacar que os nenos e nenas dos clubs de atletismo de Ames (MillaRaio e Ames Atletismo) serán os encargados de levar as bandeiras. A continuación, ás 17.00h no parque do Ameneiral, celebrarse a cerimonia de inauguración.
Durante a cerimonia de inauguración actuarán dous grupos locais de música como son a agrupación de cantareiras Maianas, formado en Ames no 2007, e que foron distinguidas coa medalla do Concello de Ames durante o acto do Día de Galicia celebrado no pasado mes de xullo; e mailo grupo Glasgow 15, unha banda de covers que amosará un repertorio variado de versións musicais de múltiples xéneros. A banda está formada por Lucía e Diego ás guitarras; Rafael, baixista; Ramón na batería; e María como vocalista.
Horarios do campionato
O domingo, 20 de setembro, ás 8.30 horas, darase a saída do Campionato do Mundo de 100 km, na rúa Alcalde Lorenzo, nas categorías absoluta e máster. A competición pecharase as 20.00 horas co peche da liña de meta. Haberá 11.30h para completar os 100 quilómetros. Os/as atletas terán que dar un total de 20 voltas a un circuíto con saída e chagada na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, e que discorrerá polas Punxeiras Baixas, As Cortes, rúa do Agro do Muíño, polo camiño de Sisalde que pasa xunto á ETAP, e pola ponte da Condomiña.
A primeira volta conta cunha distancia de 4.985,29 metros e as 19 voltas restantes contan cunha distancia 4.990 metros. O circuíto estará pechado ao tráfico, con excepción de vehículos de emerxencia e da organización. Está previsto que os primeiros atletas completen o percorrido entre 6.15h e 6.30 horas. Ao ser un campionato absoluto e de veteranos, os tres primeiros de cada categoría masculina e feminina, faráselle unha entrega dun ramo de flores na propia liña de meta. O acto de entrega de premios oficial farase a partir das 20.30h no parque do Ameneiral.
Equipo español
O equipo masculino defenderá o subcampionato mundial logrado en Bangalore (India) en 2024, onde España asinou unha actuación histórica. Tres dos integrantes daquel equipo repiten convocatoria coa ilusión de volver a situar a España entre as grandes potencias do ultrafondo mundial. Este equipo está formado por Antonio Jesús Aguilar, Félix Pont, Carlos Gazapo, Marco Álvarez e Jesús Rafael González.
O equipo feminino estará formado por catro atletas, igualando a segunda participación máis numerosa da historia tras a de 2018, e estará encabezado pola actual campioa de España e plusmarquista nacional, Gemma Arenas, que estará acompañada de María Romero, Carmen María Pérez e Estefanía Unzu.

















