Solapas principales

O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro

Miércoles, 16 de septiembre de 2026

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a presentación da programación do Ames Cultural para os meses de outubro e novembro e decembro, formado por espectáculos de danza, teatro, proxeccións de cine; o festival de maxia de Ames FESTIMAX; o festival de cine infantil Cinema Miúdo; e a celebración de Santa Icía. As entradas xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. A programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña. 

O outono chega cunha ampla programación cultural a Ames, dirixida para todos os públicos. Ao longo dos vindeiros meses de outubro, novembro e decembro, a veciñanza poderá gozar de diferentes propostas de teatro, danza, cine ou música que se desenvolverán nas localidades de Bertamiráns e no Milladoiro. 

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación deste programa. No acto de presentación participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica de dito departamento, María Vázquez; o produtor do Festival Imperdible, José Díaz; a integrante do Colectivo do Flow, Antía Costas; a integrante de As Teimas, Marta Doviro; a produtora de Teatro do Noroeste, Eva Alonso; o director do espectáculo Vento Mareiro, Carlos Álvarez Osorio; a distribuidora de Fran Sieira Compañía de danza, Emi Candal; e  Ramón Piñeiro, da Central Folque.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou que “Ames é un concello que conta cunha actividade cultural moi importante. E témola así porque queremos tela, porque queremos investir en cultura.” O rexedor municipal tamén mencionou que “creo que é importante que os concellos e as administracións invistamos en cultura, e máis nestes tempos, para que a xente nova teña a posibilidade de escoller e saír un pouco deses espazos das redes. Estamos nun mundo no que imos a cen e moitas veces non nos dá para pararnos a reflexionar, a ler, a escoitar... Para min, como alcalde, é tremendamente satisfactorio poder achegarme un venres á tarde e poder gozar dunha obra de teatro ou de danza”. 

Pola súa banda, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez fixo fincapé en que esta “é unha programación variada na que temos funcións de artes escénicas, diferentes festivais como o de improvisación, o de maxia ou o Cinema Miúdo, presentacións de libros, cine e concertos por Santa Icía”. A responsable municipal indicou tamén que “é un cartel moi completo, para todos os públicos e gustos. A programación abarca moitas disciplinas e invitamos a todos e a todas a participar nela”. 

Programación para o mes de outubro
O programa cultural comezará os vindeiros venres e sábado, 9 e 10 de outubro, co Festival Imperdible de improvisación. O venres, o Colectivo do Flow estará, desde as 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Ao día seguinte, As Teimas, co espectáculo Bibidibabidibú, fará o propio na Casa da Cultura de Bertamiráns, tamén ás 20.30 horas. Ambos espectáculos están dirixidos ao público adulto. Esta será a primeira vez que Ames participe na programación do festival. O produtor do festival, José Díaz, sinalou que “é a primeira vez que estendemos a programación fóra de Santiago. A impro está nun momento moi boiante”. 

O xoves 15 a acción seguirá na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa presentación do libo Fran Pérez Narf Canto Sentido coa participación do autor, Xelís de Toro, e artista Uxía. O acto dará comezo a partir das 20.00 horas. O representante da produtora Central Folque, (quen publica o libro) Ramón Piñeiro, sinalou que “Fran deixou unha pegada grande non só en Galicia, senón en Portugal, Mozambique, Guinea Bissau,e nunha morea de países máis”.  

Para pechar o mes de outubro, os días 23, 24 e 25 celebrarase o festival de maxia FESTIMAX. Durante a fin de semana sucederanse os obradoiros de maxia, espectáculos infantís, maxia para os maiores e galas máxicas. 

Programación para o mes de novembro
No mes de novembro arrancará o programa Cine de Outono. A primeira sesión será o xoves 5, coa proxección da película San Simón, ás 20.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. A seguinte entrega será a semana seguinte, o xoves 12, co pase de As liñas discontinuas, tamén na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20.00 horas. 

A danza será outra das artes que se inclúan nesta programación. O venres, 6 de novembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o espectáculo BenQuerer, da compañía galega Fran Sieira acompañada da música en directo do dúo Caamaño&Ameixeiras. A función comezará ás 20.30 horas e está dirixida a un público adulto. A propia compañía Fran Sieira foi beneficiaria das residencias artísticas de Ames no ano 2024. A súa distribuidora, Emi Candal, sinalou que “este é un traballo que bebe da tradición, a través da revisión das músicas de Caamaño&Ameixeiras, e reflexiona sobre a sociedade na que vivimos, sobre o que acontece”.   

En canto ao público infantil, o mes de novembro tamén terá unha boa oferta para as crianzas, pois os días 13, 14 e 15 desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns o festival internacional de cine infantil Cinema Miúdo, un certame xa tradicional que ofrece curtametraxes, filmes e diversas actividades para un público familiar. 

A música tamén terá protagonismo no mes de novembro, pois o martes 17 celebraras o concerto de Santa Icía ofrecido pola Escola Municipal de Música de Ames na Casa da Cultura do Milladoiro. O espectáculo comezará ás 18.00 horas. Pola contra, o domingo 22 a coral Antonio Santomil de Bugallido e a coral Follas Novas da Coruña ofrecerán o seu concerto de Santa Icía na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 19.00 horas. 

Outro dos puntos fortes será a regueifa. O xoves 19, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 20.30 horas, Territorio Regueifa, un espectáculo de teatro, humor, música e improvisación de Ainé Produccións. Ao día seguinte, o venres 20, proxectarase o documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. O pase será na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20.00 horas. 

Pechará o mes de novembro a estrea da obra teatral Vento Mareiro, da compañía Teatro do Noroeste, o venres 27 e o sábado 28. O espectáculo desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 20.30 horas ambos días. En palabras do seu director, Carlos Álvarez Osorio, Vento Mareiro ten “un texto potentísimo que formula moitas cuestións. Fala de inmigración, fala de Gaza, fala de ecoloxismo, fala de ultradereita... pero dende un cuestionamento ás persoas progresistas”. A compañía fará unha residencia artística previa ao espectáculo e levará actividades de mediación cos IES do Milladoiro.

Programación para o mes de decembro
No mes de decembro, a programación xirará arredor da Mostra de teatro afeccionado. Esta, que contará cun programa específico, desenvolverase entre o venres 4 e o luns sete na Casa da Cultura do Milladoiro. 

Venda de entradas
Para poder acudir ás actividades da programación de outono do Ames Cultural será necesario retirar entradas ou invitacións a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial. Para obter máis información ao respecto pódese contactar a través de cultura@concellodeames.gal ou ben nos teléfonos 981 535 940 e 662 377 444. 

O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural para os meses de outubro, novembro e decembro