Solapas principales

O PP de Ames impulsa a colocación de paneis informativos para achegar a información municipal a toda a veciñanza

Viernes, 10 de julio de 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ames presentou unha moción para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno da corporación municipal. A iniciativa, que xorde directamente das reunións periódicas que os populares veñen mantendo cos veciños polas distintas parroquias do concello, solicita formalmente a instalación de paneis de anuncios e soportes informativos en todos os núcleos de poboación e puntos estratéxicos do municipio. Dende o PP local destacan que a comunicación entre a Administración local e a cidadanía é un piar fundamental para a transparencia e a participación. Porén, advirten de que a excesiva dependencia das ferramentas dixitais está a deixar atrás a unha parte significativa da poboación, especialmente ás persoas maiores, que continúan empregando os medios tradicionais como principal vía de acceso á información municipal.

A proposta popular contempla a colocación destes paneis en lugares de gran tránsito peonil (como centros educativos, prazas, xardíns, pavillóns polideportivos e centros de saúde), así como en todos os lugares das parroquias do Concello. "É unha medida sinxela, económica e de grande utilidade pública que garante que a información de interese xeral, os bandos e as actividades culturais ou deportivas cheguen en igualdade de condicións a toda a veciñanza, con independencia do lugar no que resida", sinala Oliva Agra.

Ademais de reforzar a cohesión territorial e acabar coa fenda informativa, a moción do Partido Popular recolle outros dous beneficios clave para o municipio: un deles e o Soporte para o asociacionismo: Estes espazos servirán para difundir as iniciativas promovidas polo tecido asociativo local, favorecendo a dinamización da vida comunitaria. E outro e Combater o feísmo urbano: A instalación destes soportes específicos axudará a reducir o impacto negativo e o descontrol dos centenares de anuncios e carteis que actualmente se colocan de xeito indiscriminado en fachadas, árbores, sinais de tráfico e outro mobiliario urbano. Por todo isto, a proposta de acordo que o PP eleva ao Pleno insta de xeito directo ao Concello de Ames a impulsar un plan para a colocación destes paneis informativos en todas as parroquias e zonas de maior tránsito que carezan deste servizo, garantindo sempre a súa visibilidade, accesibilidade e un correcto mantemento.