Solapas principales

A aula CEMIT volve coa súa actividade no mes de setembro

Domingo, 30 de agosto de 2026

Logo de estar pechada por vacacións no mes de agosto, a aula CEMIT regresa á súa actividade normal no mes de setembro cunha nova programación que se desenvolverá ata os últimos meses do ano. As formacións orientadas aos adultos xirarán arredor da informática e da administración electrónica, mentres que os cursos para menores de idade irán dirixidos á informática e á mecanografía. Aínda que a aula estea pechada en agosto e non se responda nin ao teléfono nin ao correo, si se poderán reservar prazas igualmente tanto no correo electrónico como na páxina web.

Tras o paro polas vacacións de verán durante o mes de agosto, a aula CEMIT reabre as súas portas cunha nova programación que dará comezo neste mes de setembro e que se estenderá ata finais de ano, con cursos dirixidos tanto para adultos como para menores de idade, nos que se traballaran diferentes contidos.  

Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema. 

O primeiro dos cursos que se levará a cabo será o de “Iniciación á informática”, que se impartirá os martes e os xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o vindeiro 15 de setembro ata o 26 de novembro. Esta formación vai dirixida ao uso básico do ordenador, como aprender a manexar o rato e o teclado, acender e apagar os equipos de maneira correcta, usar correctamente o Sistema Operativo, xestionar documentos e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador. 

Por outra banda, os luns e mércores, dende o 21 ata o 30 de setembro, en horario de 17.15 a 18.45 horas, impartirase o curso “Introdución á Administración electrónica”. Nesta formación explorarase todo o referido ao manexo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365, aproveitando todas as súas vantaxes. Ademais, tamén haberá espazo para abordar a sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta de Galicia, que portan servizos tan útiles como É-Saúde ou Notifica.gal, ou apps como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana. 

Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da seguinte ligazón: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios 

Para os máis pequenos da casa haberá tres novas ofertas formativas. Por unha banda, o curso “Informática para nenos/as – Nivel básico”, que está dirixido para a rapazada de 7 a 10 anos. Impartirase os martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 15 de setembro ata o 15 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas aprenderán as dotes básicas do uso dun ordenador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, entre outros contidos. 

Por outra banda, haberá dous cursos de mecanografía. O primeiro deles, estará dirixido para a os menores de 10 anos e impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 17 de setembro ata o 17 de decembro. O outro curso de mecanografía estará orientado para a rapazada maior de 10 anos, e tamén se desenvolverá os xoves e nas mesmas datas, pero en horario de 18.00 a 19.00 horas.  

A formación en mecanografía é idónea para que a rapazada comece a adquirir soltura e práctica na escritura co ordenador. O curso está dirixido para todo tipo de niveis, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa. 

Horarios e acceso á Aula
-Horario de verán (ata o 15 de setembro): de luns a venres dende as 8.15 ata as 13.50 horas.
-Horario habitual: de luns a venres dende as 9.05 ata as 12.55 horas e de luns a xoves, de 16.35 a 18.55 horas (excepto durante a realización dos cursos).

As inscricións poden facerse de xeito presencial ou telemático, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón. Tamén se poden seguir as redes sociais da Aula CeMIT de Ames para coñecer a última hora da aula e estar sempre informado das súas actividades: Facebook, Instagram e YouTube. Para calquera dúbida, tamén se pode chamar ao 682 373 753.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "El aula CeMIT de Ames lanza cursos de informática y mecanografía para todas las edades"

A aula CEMIT volve coa súa actividade no mes de setembro

Multimedia

  • A aula CEMIT volve coa súa actividade no mes de setembro