Esta mañá, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) presentou unha nova edición das xornadas “Volta ao cole no comercio”, unha iniciativa organizada en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local nos días previos ao comezo do curso escolar e a volta á rutina. Esta será a quinta edición. Realizaranse dúas xornadas, unha no Milladoiro o vindeiro martes 1 de setembro, e outra en Bertamiráns o xoves día 3. Nestas propostas de tardes lúdicas, haberá actividades para os nenos e nenas, sorteos e premios. Ademais, organizase un sorteo especial de material con cada compra nalgún establecemento XEA.
A área de autocaravanas, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerán durante a primeira semana de setembro, por quinto ano consecutivo, as xornadas “Volta ao cole no comercio”, que organiza XEA en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica. Esta iniciativa traerá dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría nos dous principais núcleos de Ames.
Á presentación asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido; a xerente de XEA, Beatriz López; e o vogal da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que "a Concellaría de Promoción Económica estivo organizando durante catro anos esta iniciativa. Agora, este ano, ofreceuse XEA a organizar o evento en colaboración co Concello de Ames. Deste xeito, desde o Concello seguimos apoiando esta iniciativa que sempre ten unha boa acollida entre a veciñanza amesá, e tamén entre visitantes doutras zonas da contorna. A través de Volta ao Cole trátase de dinamizar as nosas rúas e ao mesmo tempo axúdase ás familias economicamente co inicio do curso, a través de sorteos de vales en material escolar”.
Pola súa banda, a xerente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Beatriz López, sinalou que “dende XEA estamos agradecidos de poder levar a cabo estas xornadas un ano máis. Esta será a quinta edición e o noso obxectivo principal é poder manter este evento durante moito tempo e poder afianzalo no calendario. Sempre tivo moi boa acollida, con moita afluencia de xente, e agardamos que este ano sexa igual”.
“Volta ao cole no comercio 2026”
Deste xeito, o vindeiro martes 1 de setembro no Milladoiro, e o xoves 3 en Bertamiráns, desenvolveranse as xornadas de “Volta ao cole no comercio”, que terán lugar entre as 17.00 e as 20.30 horas. Así, ao longo de toda a tarde, haberá diferentes actividades para os máis pequenos, coma varios inchables (un deles de 100 metros), que estarán divididos en función do curso escolar; xogos do mundo e disco móbil.
Ademais desta serie de propostas lúdicas, haberá un sorteo especial de packs de material escolar organizado por XEA. Para poder participar, abonda con realizar unha compra en calquera dos establecementos asociados a XEA dende hoxe, cubrir os vales coa información do ticket de compra e depositalos dentro dunha furna o días da festa: o martes 1 de setembro no Milladoiro e o xoves 3 de setembro en Bertamiráns.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames prepara a volta ao cole con sorteos de material escolar"







