Solapas principales

Os grupos Glasgow 15 e Del otro lado actúan en Biduído dentro dos Seráns de Ames

Lunes, 13 de julio de 2026

Este xoves, 16 de xullo, a partir das 21.00 horas, o campo da festa de Biduído acolle a segunda xornada do programa dos Seráns de Ames 2026 con dúas frescas e novas propostas musicais. Deste xeito, esta parroquia amesá acollerá as actuacións de Glasgow 15 e Del otro lado, dúas bandas que ensaian no local municipal A Factoría. Deste xeito, a Concellaría de Mocidade organiza esta xornada de música en directo con dúas bandas amesás co obxectivo de promocionar grupos emerxentes e darlles visibilidade.

O campo da festa de Biduído acollerá este xoves, 16 de xullo, a partir das 21.00 horas, a segunda xornada dos Seráns de Ames, unha iniciativa que se desenvolve durante catro xoves dos meses de xullo e agosto polas parroquias do rural amesán. O programa xa comezou o pasado xoves, 9 de xullo, na praia fluvial de Tapia co espectáculo de novo circo Enredos de Avela Circo. 

Esta iniciativa, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello. 

Segunda xornada dos Seráns de Ames
A programación continuará este xoves, 16 de xullo, ás 21.00 horas, no campo da festa de Biduído coa actuación musical dos grupos Glasgow 15 e Del otro lado, dúas bandas que ensaian no local municipal A Factoría. Deste xeito, a Concellaría de Mocidade organiza esta xornada de música en directo con dúas bandas amesás co obxectivo de promocionar grupos emerxentes e darlles visibilidade. 

Esta segunda xornada dos Seráns de Ames comezará ás 21.00 horas co grupo Del otro lado, formado por 5 mozos apaixonados do rock. Eles son Sebastián, guitarrista; Gerardo á batería; Juan, guitarrista; Juancho baixista; e Martín como cantante. Levan dous anos ensaiando no local da Factoría e están comezando a súa andaina musical pola contorna. 

De seguido, ás 21.45 horas, darán paso a Glasgow 15, unha banda de covers que amosará un repertorio variado de versións musicais de múltiples xéneros. A banda está formada por Lucía e Diego ás guitarras; Rafael, baixista; Ramón na batería; e María como vocalista. 

A concelleira de Mocidade, Beatriz Martínez, explica que “desde o Concello queremos apoiar e darlle visibilidade ao talento xove e emerxente. Consideramos que este tipo de iniciativas e eventos en vivo para bandas emerxentes, é unha das formas máis efectivas para crear comunidade e colaborar na promoción das agrupacións musicais que ensaian no local A Factoría”. 

Programación dos Seráns de Ames 2026
No mes de agosto haberá outras dúas sesións dos Seráns de Ames, a primeira o xoves 13 de agosto, ás 21.00 horas, coa actuación das Maianas no lugar de Cruxeiras, pertencente á parroquia de Ames. A agrupación de cantareiras As Maianas, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.

Por último, como vén sendo habitual, a praia fluvial de Tapia tamén será o escenario escollido para pechar os Seráns de Ames. Nesta ocasión, a derradeira xornada do programa terá lugar o xoves 27 de agosto, ás 19.00 horas, con diversas actividades. Deste xeito, haberá contacontos, xogos populares, teatro e música tradicional a cargo da Asociación Cultural Retranqueiros.

Os grupos Glasgow 15 e Del otro lado actúan en Biduído dentro dos Seráns de Ames

Multimedia

  • Os grupos Glasgow 15 e Del otro lado actúan en Biduído dentro dos Seráns de Ames