Solapas principales

O parque do Ameneiral acolle unha nova edición do Encontro Intercultural de Ames

Miércoles, 08 de julio de 2026

O vindeiro sábado, 11 de xullo, a partir das 12.00 horas, celébrase en Ames un novo Encontro Intercultural no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Ademais da degustación de pratos típicos de diferentes nacionalidades, os asistentes poderán desfrutar dunha actuación musical a cargo da instrumentista, compositora, mestra e veciña de Ames, Anne Tooming. A xornada está organizada polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago de Compostela (AVESANTI).

O departamento de Benestar Social do Concello de Ames convida a toda a veciñanza a asistir a un novo Encontro Intercultural o vindeiro sábado, 11 de xullo, dende as 12.00 horas. Os que así o fagan, poderán degustar pratos típicos de diferentes nacionalidades realizados por veciños e veciñas de Ames, procedentes de diferentes países como Venezuela, Perú, Guatemala, Costa de Marfil, entre outros.

Durante a xornada tamén haberá actividades infantís para os nenos e nenas e actuacións musicais a cargo da música e veciña de Ames, Anne Tooming, que naceu en Tallín (Estonia), pero xa leva anos vivindo en Ames. Instrumentista, compositora e mestra, Anne fixo escola en Ames e ensinou historia da música a través dos marabillosos musicais que organizaba co seu alumnado. Co coro de nenos e nenas “Nososon” gañou cinco veces seguidas o premio á mellor panxoliña orixinal do Certame de Caixa Nova. Na actualidade dirixe a Coral “Lojo Batalla” de Tapia.

Durante esta xornada, os veciños e veciñas de Ames que proceden de diversos países farán unha pequena mostra-degustación dos pratos típicos dos seus países. Deste xeito, toda a veciñanza que se achegue ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns, poderá degustar produtos típicos de múltiples culturas. É unha actividade na que os protagonistas son os veciños e veciñas de Ames que proceden de países como Venezuela, Perú, Guatemala, Costa de Marfil, etc. 

A través desta xornada o que se pretende é darlle voz e protagonismo a todas esas persoas que proceden de diferentes países do mundo, que xa son veciños e veciñas de Ames, polo tanto galegos e galegas, pero seguen mantendo a súa cultura e tradicións de orixe, o que supón unha grande riqueza para todo os amesáns e amesás.

Xornada de intercambio cultural 
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca que “o Encontro Intercultural vai a celebrarse este vindeiro sábado, 11 de xullo, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Durante esta xornada pódese compartir e intercambiar experiencias con persoas de diferentes nacionalidades que van preparar pratos típicos dos seus países de procedencia". 

Uxía García engade "creo que coa realización desta xornada, despois da experiencia acadada tras varias edicións, o obxectivo principal que se consegue é que todas estas persoas que cociñan de forma voluntaria e gratuíta se sentan ben,  protagonistas, valoradas e se sentan veciños e veciñas de Ames. Trátase dunha xornada de intercambio cultural con esas persoas que xa son de Ames, pero proceden doutros países". 

O técnico de mediación intercultural, Leonardo Pena, explica que “a idea principal de dito encontro é potenciar a interacción e relación entre as persoas que participan, e que teñen diferentes orixes culturais. Outro dos obxectivos é fomentar unha visión positiva da inmigración. En Ames hai veciños e veciñas de máis de 60 nacionalidades diferentes convivindo con nós, ás que queremos darlle visibilidade”.

Leonardo Pena tamén indica que "a preparación de pratos típicos dos seus países de orixe tan só é unha escusa para que se relacionen entre si e superen eses medos iniciais que poden ter de relacionarse con persoas doutras culturas, razas e relixións. Queremos que estas persoas que proceden doutros países se sintan protagonistas nesta encontro e que mostren a riqueza cultural e gastronómica dos seus países de orixe. Hai que agradecerlles a súa implicación e colaboración porque realizan de xeito altruísta a preparación dos pratos que se desgustan".   

O parque do Ameneiral acolle unha nova edición do Encontro Intercultural de Ames

Multimedia

  • O parque do Ameneiral acolle unha nova edición do Encontro Intercultural de Ames