Solapas principales

>Encontros literarios: María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo

Jueves, 12 febrero, 2026
Ás 20.00 horas

O vindeiro 12 de febreiro o Pazo da Peregrina acolle, ás 20.00 horas, a presentación da obra María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, da autora galega Aurora Marco. Un revelador ensaio onde expón a vida de loita e compromiso de María Vázquez Suárez. Na presentación tamén estará o editor da obra Henrique Alvarellos.

Esta obra de investigación serve como unha memoria reparadora de loita contra o esquecemento dunha muller perseguida polo seu compromiso co proceso de cambio e rexeneración democrática emprendido pola República española en 1931. A carón deste relato incorpóranse ata cen imaxes e documentos, a maioría inéditos.

Sinopse do libro
María Vázquez Suárez naceu en Compostela e dedicou a súa vida á ensinanza, tanto na Pobra do Caramiñal como en Miño. O 19 de agosto de 1936, cando tiña tan só 42 anos, foi fusilada a mans do exército franquista polo sua militancia socialista, compromiso social e defensa dos dereitos das mulleres.

Non foi un caso illado de violencia arbitraria e indiscriminada, senón que se correspondeu a unha persecución perfectamente orquestrada contra a rede de docentes con oposición ao réxime, obedecendo a consignas emanadas dos mandos militares, da Falanxe, de grupos da dereita católica implicados no golpe e as autoridades eclesiásticas. 

Sobre a autora
Aurora Marco é ensaísta e catedrática na USC. É autora de numerosos libros e artigos, editora de varios volumes e colaboradora de obras colectivas. Nos últimos 30 anos especializouse na recuperación da traxectoria das mulleres galegas e, de maneira especial, das represaliadas. A súa obra ensaística levouna a gañar os premios Tomás Barros, Luís Tilve, Mulleres en Acción e Galiza Mártir, entre outros.