- Tematica
Técnicos da empresa pública Acuaes desprazáronse hoxe ao Concello de Ames para ofrecer información sobre o recente vertido ao río Sar, provocado polas obras de ampliación da EDAR da Silvouta. Durante a visita mantiveron unha reunión co alcalde, Blas García, cos concelleiros de Obras e Medio Ambiente, Gustavo Nieto e Javier Antelo, e con técnicos de Augas de Ames.
Segundo a explicación ofrecida por Acuaes, a vertedura produciuse porque nas fases iniciais de posta en marcha dunha planta de tratamento é habitual que non se cumpran os parámetros establecidos, especialmente cando se producen circunstancias adversas. No caso da EDAR da Silvouta, detectouse un pico de carga inesperado provocado pola acumulación de sedimentos nos colectores tras anos de uso. Ademais, a situación viuse agravada pola seca extrema, que impediu a disolución axeitada dos vertidos no río.
Malestar pola xestión da información
Dende o Concello de Ames trasladouse o malestar pola deficiente xestión da información por parte das administracións implicadas na obra: Concello de Santiago, Xunta de Galicia e Acuaes. A primeira comunicación oficial sobre o incidente, excluíndo un informe da Policía Autonómica, non chegou ata o día de hoxe, martes 21 de outubro, malia que os episodios máis graves tiveron lugar os días 11 e 12 de outubro.
O Concello instou a reforzar a vixilancia ambiental, e anunciou que Augas de Ames continuará a realizar análises periódicas das augas do río Sar. Tamén está prevista unha visita ás novas instalacións da EDAR da Silvouta por parte do persoal municipal.
O alcalde, Blas García, agradeceu o desprazamento do equipo técnico de Acuaes, pero recriminou o tempo de resposta e a falta de transparencia nas comunicacións, que "non fixeron máis que xerar alarma social e preocupación entre a veciñanza".
O Concello esixe un plan de continxencia e a recuperación do río Sar
O goberno municipal considera que este incidente non debe ser minusvalorado, pois trátase dun vertido de duración considerable, volume aínda descoñecido e potencial impacto ambiental elevado.
Por este motivo, o Concello de Ames solicita:
• A posta en marcha inmediata dun plan de continxencia ambiental, con medidas de reparación e mitigación dos efectos do vertido no río Sar.
• A elaboración dun plan de recuperación ecolóxica do río Sar, que inclúa o saneamento dos tramos máis afectados, a restauración de hábitats fluviais e a implicación directa das administracións competentes: Xunta de Galicia, Goberno do Estado e Concellos da conca do Sar.
• Un plan de ampliación da EDAR da Sisalde, que actualmente se atopa claramente sobrepasada, e cuxa mellora é imprescindible para garantir un tratamento axeitado das augas residuais do concello.
Neste sentido, o Pleno do Concello de Ames aprobou unha declaración institucional solicitando que a ampliación da EDAR da Sisalde sexa considerada proxecto de interese xeral, co obxectivo de acelerar os trámites administrativos e garantir o acceso a fondos estatais e europeos. Esta declaración enmárcase nas xestións impulsadas polo goberno local para desbloquear unha infraestrutura estratéxica para o saneamento municipal e a recuperación do río Sar.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames exige medidas urgentes para tratar las aguas del Sar"
La Voz de Galicia: "Ames exige un plan ambiental para mitigar el vertido en el Sar y fondos para la EDAR de Sisalde"





