Solapas principales

Arcea-Adames e Ronald Rojas serán os pregoeiros do Ames en Festas 2025 máis diverso e inclusivo

Jueves, 31 de julio de 2025

O ‘Ames en Festas 2025’ conta xa as horas para poñer comezo ás 10 xornadas de troula e música que se vivirán no Milladoiro, do venres 1 ao martes 5, coas súas festas da Madalena, e en Bertamiráns, do mércores 6 ao domingo 10 de agosto, coas da Peregrina. Este ano volverá a haber dous pregóns un inicial, no Milladoiro, que estará a cargo de catro mozos da asociación Arcea-Adames, e outro de peche en Bertamiráns, ofrecido por Ronald Rojas, migrante que reside en Bertamiráns dende hai varios anos. Coas escolla destes pregoeiros, desde as respectivas comisións de festas dos dous principais núcleos de Ames, buscouse representar e dar voz a dous colectivos que reflicten a diversidade e inclusión poboacional de Ames. 

O ‘Ames en Festas 2025’ está a piques de comezar e, unha vez máis, encadeará 10 días seguidos de festa e troula nos dous principais núcleos poboacionais do concello, O Milladoiro e Bertamiráns. Nesta edición do programa de festexos, no que xa se apostou desde un primeiro momento por ofrecer servizos para que as persoas con discapacidade poidan gozar das festas do mellor xeito posible, os pregoeiros das festas manterán a esencia inclusiva e diversa do ‘Ames en Festas 2025’. 

Deste xeito, os encargados de realizar o pregón inicial das festas da Madalena, no Milladoiro, serán catro mozos da asociación Arcea-Adames: Martín Barreiro, Moncho Corral, José Manuel Fernández e Carlos Pais. Dende a entidade, acolleron con moita alegría a escolla do colectivo como pregoeiros das festas, “xa houbo interese previo outros anos por parte da comisión de festas e, este ano, deuse a oportunidade perfecta para que puideramos facela. Os membros da asociación están moi expectantes e ilusionados con formar parte de maneira activa das festas da súa localidade”, apuntou Natalia Castro, directora e educadora de Arcea-Adames. 

Por outra parte, o pregón final das festas da Peregrina, en Bertamiráns, correrá a cargo de Ronald Rojas, inmigrante de Venezuela que leva xa varios anos residindo na localidade amesá. Dende a comisión de festas de Bertamiráns, buscouse “representar un dos temas máis de actualidade e que máis toca de preto ao noso municipio como é o da inmigración. O noso obxectivo era darlle un recoñecemento a unha parte moi importante da poboación de Ames e que se sintan tamén parte do municipio nuns días nos que o sentimento de comunidade é tan importante como son nas festas”, apuntou Miriam Souto, unha das representantes da comisión de festas de Bertamiráns. 

A escolla de Ronald Rojas como pregoeiro non foi casualidade, pois pasou momentos complicados na súa chegada a Ames. Finalmente, conseguiu atopar o seu sitio e isto foi, en parte, grazas á boa acollida e axuda que sentiu por parte da veciñanza. 

Deste xeito, con ámbolos dous pregóns, apóstase por darlle voz e representación a dous colectivos importantes da poboación amesá, como son o das persoas con diversidade funcional, con Arcea-Adames, e o das persoas estranxeiras residentes en Ames, como Ronald Rojas. 

Atraccións sen ruído 
A cuarta edición do ‘Ames en Festas’ tamén contará cun horario de atraccións sen ruído durante todas as xornadas festivas nos dous principais núcleos de Ames. Deste xeito, apóstase por realizar unhas festas máis inclusivas nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos. O horario das atraccións sen ruído será tódolos días de 19.00 a 21.00 horas, tanto nas festas da Madalena do Milladoiro como nas da Peregrina de Bertamiráns. 

Ademais de dita iniciativa, o Millarock, que dará comezo ao Ames en Festas, contará este ano mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, dáse continuidade a unha iniciativa que se puxo en marcha no concello por primeira vez nas Prebadaladas 2024. Por outra banda, tamén se contará cunha plataforma elevada con rampla para as persoas con mobilidade reducida, creando así un espazo adaptado para garantir que estas persoas poidan gozar do evento en condicións de igualdade. 

Con esta serie de propostas, preténdese organizar unhas festas máis inclusivas ofrecendo opcións nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos do mellor xeito posible e facilitando así a asistencia das persoas que, habitualmente, non poden asistir e desfrutar algunhas das alternativas de ocio máis habituais durante as festas como ben poden ser as atraccións de feira.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Catro mozos con discapacidade intelectual darán o pregón das festas do Milladoiro"

Arcea-Adames e Ronald Rojas serán os pregoeiros do Ames en Festas 2025 máis diverso e inclusivo

Multimedia

  • Arcea-Adames e Ronald Rojas serán os pregoeiros do Ames en Festas 2025 máis diverso e inclusivo
  • Arcea-Adames e Ronald Rojas serán os pregoeiros do Ames en Festas 2025 máis diverso e inclusivo
  • Os integrantes da asociación Arcea-Adames
  • Ronald Rojas xunto coa súa familia