Solapas principales

Máis da metade das persoas participantes no programa de emprego Ames-Brión conseguen inserirse laboralmente

Sábado, 27 de marzo de 2021

Tras os resultados acadados na edición do Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión (2019-20) cunha porcentaxe de inserción laboral superior do 50% das persoas participantes, os dous concellos iniciaron no mes de xaneiro as actividades do novo programa e que rematará en novembro do 2021.

O Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74 € e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión, está dirixido a 100 mulleres desempregadas, dos concellos de Ames e Brión.

O Programa deu comezo o 9 de novembro de 2020 e ao longo dos dous primeios meses levouse a cabo por parte do persoal do Programa a selección das participantes, rematando este proceso o pasado 8 de xaneiro.

Primeiras actividades do Programa
Unha vez seleccionadas as 100 mulleres participantes, ao longo de mes de xaneiro comezaron a súa actividade no Programa cunha primeira sesión individual de asesoramento na que, entre outras cuestións, se estableceu itinerario personalizado para a súa inserción laboral cos obradoiros, cursos, prácticas e demáis actividades que cada unha acordou co seu titor ou titora, tendo en conta o seu perfil formativo e profesional, así como as súas preferencias.

A actividade que cada participante realice vai encamiñada a acadar o obxectivo da inserción laboral ou a mellora da súa empregabilidade, máis necesario aínda na situación actual de especial dificultade e que afecta en maior medida a colectivos vulnerables, integrados fundamentalmente por mulleres.

Unha vez finalizada a primeira rolda de titorías individuais coa práctica totalidade das 100 participantes, deron comezo os obradoiros para a procura activa de emprego, que se imparten en tandas de 3, nos que, en cada un, trátanse determinados aspectos dese proceso como “Competencias e habilidades sociolaborais para a procura de emprego (autocoñecemento, obxectivo profesional, habilidades....)”, “Recursos e ferramentas para a procura de emprego (CV, carta, correo-e, portais de emprego, autocandidatura, redes sociais, apps...)” e “Procesos de selección e entrevistas de traballo”.

Dada a demanda das participantes e as necesidades según os diferentes perfís, foi necesario programar ata o momento 5 roldas, cun total de 15 obradoiros, dos que xa se impartiron 12 e resta a última tanda de 3 obradoiros a principios de abril. Ao remate dos mesmos, terán feito esta formación aproximadamente 150 participantes, tendo en conta que a maior parte fan a rolda dos 3 obradoiros completa.

Tamén se levou a cabo o pasado 29 de xaneiro unha sesión formativa orientada a perfís emprendedores, na que persoal técnico da Cámara de Comercio de Santiago explicou ás participantes diferentes cuestións de carácter práctico: formas xurídicas, trámites ou axudas.

Máis recentemente, o 23 de marzo, os técnicos do Programa impartiron unha charla informativa sobre a convocatoria de 2021 das probas de “Competencias Clave”, necesarias para o acceso ao cursos de certificados de profesionalidade para as persoas que non cumpran os requisitos. Para as interesadas programarase un curso preparatorio, previo á realización dos exames previstos para finais de xuño.

Formación sectorial e prácticas non laborais
Nos próximos meses as participantes recibirán formación especializada con prácticas en empresas, elixindo a que máis se adapte aos seus intereses de entre diferentes itinerarios formativos propostos, deseñados de acordo coas oportunidades laborais da nosa comarca: atención sociosanitaria, comercio e atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, etc. Ademais, impartirase, como formación homologada, o certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”.

As participantes, ademais, recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, manexo de maquinaria… e contarán co apoio das titorías persoais para o acompañamento na busca de emprego.

Ao longo do Programa as participantes tamén disporán dunha plataforma de teleformación cun amplo catálogo de cursos clasificados por familias profesionais e dos que poderán facer totalmente on line e coa flexiblidade que implica esta modalidade.

Balance do Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión 2019-20
A edición 2019-20 do Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión, que deu comezo en outubro de 2019 e que estaba dirixido a 100 persoas desempregadas, das que 85 son menores de 30 anos e 15 maiores de 45, rematou as súas actividades o pasado 28 de febreiro, pola ampliación do seu período de execución pola COVID-19.

No período de ampliación, nos meses de decembro, xaneiro e febreiro, realizáronse prácticas non laborais en empresas, correspondentes ao itinerario de Ocio e tempo libre, así como ao certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”.

Tamén se impartiu o último dos cursos presenciais: “Inglés intermedio: atención ao público” e rematáronse as titorías individuais coa última sesión con cada un/unha dos/das participantes.

Á data de finalización do Programa, 56 persoas tiveron, alomenos, un contrato laboral, o que supera ampliamente o obxectivo de inserción inicialmente fixado.

Realizáronse un total de 23 accións formativas presenciais e levaron a cabo prácticas non laborais 56 persoas participantes, asinando os correspondentes convenios de colaboración con empresas da comarca dos diferentes sectores relacionados coa formación impartida.      

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abortan siete fiestas ilegales y multan a un multirreincidente

Revista AmesGo: "Case 60 denuncias por incumprimento de medidas contra a COVID-19 a pasada fin de semana"

Compostela 24horas: "A fin de semana sáldase con 7 denuncias por festas en pisos en Ames"

La Voz de Galicia: "El programa de empleo de Ames y Brión logra más de un 50 % de inserción laboral"

InserAmes-Brión.

Multimedia

  • InserAmes-Brión.
  • InserAmes-Brión.
  • InserAmes-Brión.
  • InserAmes-Brión.
  • InserAmes-Brión.
  • InserAmes-Brión.
  • InserAmes-Brión.