[27-02-2019] O Transgalaica 2019 botou a andar o pasado 24 de febreiro en Cotobade, onde un total de 430 persoas participaron na primeira proba deste circuíto. O Club Ciclista amesá Os Esfola Arrós estivo representado a través dos corredores Nacho Casal, Agustín Castro, Isaac Insua, Uxío Canosa, Jorge Pérez, José Ramón Castro e Esteban Crego. Continuando co programa, Ames é o lugar escollido para acoller a segunda proba deste itinerario, que se realizará o próximo 10 de marzo. O prazo de inscrición para participar estará aberto ata as 23.59h do mércores 6 de marzo na web www.magmasports.es.
O Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, xunto co Concello de Ames, organizan por cuarto ano consecutivo unha proba do circuíto Transgalaica. Esta proba, pertencente á modalidade de ciclismo de montaña maratón mtb, sairá do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9.30h. Poderán participar todos/as os/as corredores con licencia en vigor da tempada 2019 e aqueles que, ata antes das 48 horas previas á proba, tramiten a licenza de 1 día. Estableceranse as clasificacións masculina absoluta, feminina absoluta e open.
O prazo de inscrición remata o mércores 6 de marzo, ás 23.59 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es. Para os non federados o custo é de 26 euros, 16 euros de inscrición e 10 euros pola licenza de 1 día, mentres que os federados teñen unha cota de inscrición de 16 euros. O vindeiro luns, 4 de marzo, terá lugar a presentación des IV Transgalaica Concello de Ames.
O circuíto Transgalaica 2019 arrinca en Cerdedo-Cotobade
Este pasado domingo, 24 de febreiro, tivo lugar o disparo de saída da Transgalaica 2019 na localidade de Cotobade, cun éxito de participación avalado por 430 ciclistas. Se ben nos últimos anos esta localidade xa acolleu algunha das probas deste circuíto, este ano o percorrido presentou certas novidades como a ascensión ata o Observatorio de Cotobade e unha nova zona ó final do percorrido que, ademais de incrementar o percorrido, esixía un maior compoñente técnico.
O club ciclista amesá Os Esfola Arrós, que foi representado por sete participantes, acadou o sexto posto na clasificación xeral de equipos, entre os 40 equipos participantes. A nivel individual, Jorge Pérez acadou o quinto posto na súa categoría e o noveno na xeral; Uxío Canosa o noveno na cat. e o decimo oitavo na xeral; Nacho Casal o décimo e o posto douscentos setenta e sete na xeral; Esteban Crego o vixésimo terceiro e o centésimo oitavo respectivamente; Agustín Castro o posto trinta e un na cat. e o noventa e cinco na xeral; Isaac Insua no sesaxésimo terceiro e no posto cento setenta e seis na xeral. José Ramón Castro, pola súa banda, tivo que abandonar a proba por unha rotura na cadea durante a saída.
O campionato Transgalaica consiste en cinco probas repartidas ao longo do territorio galego, que reúnen aos mellores ciclistas de montaña do noroeste español. Con motivo destas probas, o OEA Team afirma que o equipo amesá “intentará seguir mellorando, gozando e levando o nome do Concello de Ames con orgullo pola xeografía galega e española adiante”.