Solapas principales

O Concello de Ames executa melloras no parque infantil da praza Manuel Murguía do Milladoiro

Martes, 02 de agosto de 2016

[02-08-2016] O goberno municipal está desenvolvendo un plan de arranxo e mellora dos parques infantís municipais. Nos últimos meses melloráronse as instalacións do parque infantil de Augapesada, na parroquia de Ames, e de Estivada de Castelao, no Milladoiro. Estes traballos continuaron no parque infantil da praza de Manuel Murguía, do Milladoiro, onde se limparon e repararon os xogos e se pintou o valado de peche de dito parque. Esta actuación tivo un custo de 4.866.14 euros. Ademais, proximamente, cambiarase o pavimento de caucho deste parque que está incluído nun plan provincial.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, indica que “dende o goberno municipal somos conscientes da importancia que ten que os parques municipais infantís estean en boas condicións. Por iso se realizou unha auditoría para saber en que estado se atopa cada un dos parques e as deficiencias que teñen. Unha vez realizado este estudo comezamos a reparar os parques que teñen unha maior urxencia. En Ames hai un total de 32 parques infantís, polo que é inviable reparar todos xuntos. Entón estamos dándolle prioridade a aqueles que presentan unhas deficiencias máis notables en materia de seguridade”.

Deste xeito, durante as últimas semanas estivéronse realizando os traballos necesarios para a adaptación do parque infantil de Manuel Murguía á normativa en vigor. Despois de realizar dita auditoría, en relación co cumprimento da normativa en vigor en materia de parques infantís, propúxose a posta a punto deste parque do Milladoiro, por considerarse que era prioritario o seu arranxo polo perigoso do estado no que se atopaba e porque debido á súa situación é utilizado por unha gran cantidade de nenos/as.

As obras que se executaron consistiron principalmente en traballos de carpintería necesarias para restaurar o valado existente e eliminar os risco de atrapamento do mesmo; o subministro e colocación dun cartel informativo novo, por ser ilexible o anterior; e maila restauración completa dos elementos de xogo e reconstrución destes xogos nos casos nos que foi necesario. O orzamento total desta actuación ascendeu á cantidade de 4.866.14 euros.

Por outra banda, hai que salientar que durante os vindeiros meses se vai a cambiar o pavimento de caucho do chan deste parque infantil. Esta actuación, que ten un presuposto aproximado de 9.500 euros, vaise a sufragar a través dun plan provincial. Blas García apunta que “nestes intres non se cambio o pavimento deste parque porque se vai a facer a través dunha achega económica da Deputación da Coruña. Sabemos que este pavimento non se atopa en bo estado polo que intentaremos facer esta obra o máis axiña posible”.