Solapas principales

Ames sementa poemas de Manuel María para celebrar as Letras Galegas

Martes, 10 de mayo de 2016

[10-05-2016] A veciñanza e as persoas que se acheguen a Ames entre o 9 e o 20 de maio deberán estar atentos pois poden atopar unha fermosa sorpresa en calquera recuncho do concello. Durante esta semana os alumnos e alumnas dos seis centros escolares de educación infantil e primaria amesáns sairán ás rúas, ás prazas, aos parques, aos pavillóns e a outros moitos lugares do municipio para iniciar a actividade Sementando poemas distribuíndo poesías de Manuel María por todo o Concello. Con esta iniciativa preténdese visibilizar e fomentar a lingua e a cultura galegas ao tempo que se difunde a obra do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.

Neste proxecto, coordinado polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames, poderán participar todos os amesáns e as amesás e calquera outra persoa que encontre un destes poemas, dado que cada poesía vai acompañada de instrucións para continuar a sementeira e así espallar a lingua e a cultura tanto dentro como fóra do noso concello.

A primeira indicación convida á persoa lectora a gozar coa poesía. A segunda chámaa a compartila, ben deixando o poema no lugar onde o atopou ben colocándoo noutro lugar visible. Quen escolla esta opción, deberá indicalo enviando unha fotografía da nova localización dos versos ao enderezo sementandopoemas@concellodeames.gal para que poida reenviarse ás páxinas web dos colexios participantes. Desta forma poderase seguir de preto o camiño que sigan todos os versos. Por último o alumnado pídelle a quen dea coas poesías que non as tire nin as estrague, porque estaría esnaquizando un anaquiño cultura e de ilusión de nenos e nenas, que son cousas que todas e todos precisamos.

Para desenvolver esta actividade foi imprescindible a colaboración dos equipos de normalización da lingua galega, do profesorado e do alumnado da EEI do Milladoiro, do CEP de Ventín, dos CEIP de Barouta, A Maía e Agro do Muíño e das Escolas unitarias de Covas e da Tarroeira (Ortoño).
O luns, 9 de maio, iniciou a actividade a Escola de Educación Infantil do Milladoiro distribuíndo poemas por diferentes prazas do Milladoiro e o colexio da Maía que espallou poesías polo pavillón de Bertamiráns. Hoxe e mañá, o alumnado do CEIP da Maía sementará poemas na Aula da Natureza de Ameixenda e nos vindeiros días continuará a sementeira por outros moitos lugares do concello.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os cativos de Ames enchen as vías públicas coa obra de Manuel María"