Solapas principales

Ames estende o dominio .gal tamén aos correos electrónicos municipais

Martes, 09 de febrero de 2016

[09-02-2016] Dende o pasado mes de xaneiro todos os enderezos electrónicos do persoal da Administración amesá, así como dos departamentos e institucións dependentes, incluirán a terminación .gal.

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, declarou que con esta medida "se completa o proceso iniciado en xullo co cambio do dominio da web, que non se limitou a incorporar o .gal, senón que o converteu no dominio de referencia nos buscadores e, tamén, no dominio por defecto". E é que aínda que o dominio .org segue activo os buscadores redireccionan automaticamente a unha dirección co dominio .gal.

O cambio nos enderezos de correo do persoal administrativo non inhabilita a recepción de mensaxes enviados ao correo electrónico anterior, que en todos os casos remataba en .org, polo que en ningún caso se perderán as comunicacións e os envíos seguirán chegando sen problemas sexa cal sexa o dominio que se utilice, .gal ou .org.

Para popularizar o novo enderezo o Concello vai proceder a difundir a través de distintos soportes como propaganda, tarxetas, cartelaría ou directorios os novos enderezos electrónicos. O obxectivo ao completar este cambio é, como subliña a concelleira, "contribuír dende o Concello de Ames a dar maior visibilidade e presenza ao a lingua e á cultura galega en Internet", obxectivo ao que respondeu a creación do dominio .gal por parte do ICANN.