Solapas principales

>Festival Emerxente de novos artistas

Jueves, 6 agosto, 2026
Ás 20.00 horas

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o xoves 6 de agosto a segunda edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. Este ano contarase como cabeza de cartel co artista Lg1do, e coas actuacións de Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. A cita, organizada polo departamento de Mocidade do Concello de Ames, forma parte do programa de Ames en Festas 2026

Como cabeza de cartel actuará Saúl Rodríguez Maroñas, nado en Santa Comba, e máis coñecido coma Lg1do, que fai música en galego de estilo urbano, trap e reguetón. Lg1do comezou a súa traxectoria musical de xeito afeccionado, creando temas e diferentes programas de composición en SoundCloud co seu teléfono móbil. As súas primeiras composicións datan do ano 2021, sendo pequenas pezas de trap e bases de música que subía, en castelán, a plataformas como YouTube. 

Segundo o artista, as súas influencias musicais eran Drake, C Marí e o muradés 9Louro. A finais do ano 2025, Lg1do lanzou os seus dous primeiros sinxelos: Frente a frente e Calm Down. En 2026, en colaboración co artista vigués Guzmen, publicou o tema Darche, que, en febreiro deste ano, chegou ao Top 50 da lista de éxitos virais de Spotify. No mesmo ano participou no festival Ulla Fest, no concello de Touro.

Ademais, o festival emerxente deste ano contará coa participación de catro artistas solistas como son Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. Os catro estiveron esta mañá na presentación realizada no parque do Ameneiral e falaron sobre que tipo de música fan, a súa traxectoria musical e da súa participación neste festival.

Alddara é unha artista nada en Rianxo que na actualidade vive en Barcelona. “Fago pop urbano e chill e levo un par de anos facendo música. Comecei facendo música en castelán e agora estou facéndoa máis en galego. Na actualidade estou centrándome en facer un proxecto persoal en vez de cantar cancións doutras persoas. É fundamental facer este tipo de iniciativas porque é a maneira de darlle visibilidade á xente nova, que non dispón doutras plataformas para darse a coñecer, e para facer xuntanzas deste tipo nas que coñeces a outros artistas da industria musical que están comezando. Paréceme boa boa idea tamén para crear lazos e conexións con outros/as artistas”. 

Fran Saint Laurent explica “comecei este ano en febreiro a facer música. Son de Santiago e na actualidade ando facendo música e dirixindo vídeoclips. Fago música urbana, movéndome entre o trap e o drells, tirando cara un estilo máis melódico. Estas iniciativas están moi ben, danos moita visibilidade, sobre todo aos que estamos comezando, e ademais permítenos coñecer xente que está comezando no mundo da música coma min”.

Dupliss, veciño de Bertamiráns, destaca “levo facendo música dende hai tempo, sen subir nada, e hai un ano comecei a subila a plataformas. Fago música de xénero underground e urbano. Este festival é unha gran iniciativa para axudar aos artistas que non teñen un gran número de visitas e reproducións e para darlles visibilidade”.

Por último, Metan, veciño do concello de Brión, explica “fago música de estilo trap e reguetón. Xa levo preto de catro anos escribindo música. En solitario non teño publicacións, só teño colaboracións por agora, pero dentro de pouco vou empezar a  publicar cancións en solitario para poder subilas e cantalas en concertos. Este tipo de iniciativas é algo que necesitan estes xéneros musicais e as persoas que están crecendo e empezando a publicar música. O ano pasado participei neste festival como invitado no concerto de Lepayitss e Prieto e foi unha boa experiencia”.