Pestanas principais

Solicitude do programa Xantar na casa

Presencial
Online
Sede Electrónica
martes, 1 Xaneiro, 2019 a martes, 31 Decembro, 2019
Tramite activo: 
Aberto

PARA QUE (FINALIDADE):

O programa “Xantar na casa” é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, con déficits de autonomía persoal, ademais de cubrir as necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

O obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e de calidade de vida das persoas beneficiarias, e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno comunitario e retardando ou evitando a institucionalización.

Os obxectivos específicos son:

  • Proporcionar ás persoas beneficiarias unha alimentación de calidade e nutritiva, atendendo os casos de xeito individualiza do e profesional.
  • Evitar o deterioro da calidade de vida das persoas beneficiarias por teren unha dieta inadecuada.
  • Previr situacións de risco que se poidan producir no proceso de preparación e elaboración da comida.
  • Facilitar un respiro ás familias e ós coidadores e impulsar medidas de apoio á conciliación da vida familiar e laboral.
  • Facer un seguimento individualizado de cada situación por parte dos profesionais que interveñen no servizo.

QUEN PODE FACELO:

Poderán ser beneficiarias do programa “xantar na casa” as seguintes persoas:

  • Persoas maiores de 60 anos, que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal, e sen rede de apoio que puidese suplir tal situación.
  • Persoas dependentes, que carezan de apoio familiar, e que requiren de axuda para a preparación de alimentos.
  • Persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos servizos sociais e sempre que se estea intervindo desde outro programa para resolver a súa situación de exclusión.

Que cumpran os seguintes requisitos:

  • Residir e estar empadroado/a no municipio de Ames.
  • Presentar unha situación de dificultade para desenvolver axeitadamente o proceso de compra, preparación e elaboración de comidas.
  • Carecer de posibilidades persoais e familiares para cubrir axeitadamente esta necesidade. Se a persoa solicitante é dependente non solo para a preparación e elaboración dos menús, senón para inxerir os mesmos, requirirase para a prestación do servizo, o compromiso de colaboración dalgunha persoa relacionada ca/o solicitante ou o acceso, a un servizo complementario.
  • Ter cubertas as demais necesidades básicas (hixiene, habitabilidade...). En ausencia desta condición deberán exercerse previamente outro tipo de medidas para solventala.

COMO SE FAI:

  • A persoa interesada no servizo de “xantar na casa” deberá de presentar a solicitude individual conforme ao modelo establecido no anexo I, que deberá de ir acompañada da documentación especificada.

CANDO:

  • As solicitudes poderán presentarse en calquera momento do ano.

ONDE:

  • No rexistro electrónico do Concello así como nos restantes rexistros electrónicos de calquera dos suxeitos aos que se refire o artigo 2,1 da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
  • Nos rexistro Xeral do Concello en Bertamiráns, no rexistro da oficina municipal do Milladoiro ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16,4 da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

DOCUMENTACIÓN:

  • Copia do DNI da persoa solicitante, do representante legal e/ou gardador de feito. No suposto de estranxeiros/as, documento acreditativo da súa identidade.
  • Copia da tarxeta sanitaria.
  • Certificado de empadroamento e de convivencia.
  • Copia do certificado de grao de discapacidade, de ser o caso
  • Copia do certificado do grao de dependencia, de ser o caso.
  • Informe médico de atención primaria selado e correctamente cumprimentado conforme ao modelo establecido no anexo III (imprescindible cubrir o tipo de dieta recomendada).
  • Xustificantes dos ingresos económicos: teranse en conta os ingresos mensuais netos da persoa solicitante.

Cando a persoa solicitante se atope vinculada a outra persoa por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, as rendas de ambos terán consideración de rendas computables entendéndose neste caso por renda persoal a metade da suma dos ingresos dos dous membros de la parella.

Deberá achegarse:

  • Certificado de pensións mensuais (viuvez, orfandade, non contributiva...) ou calquera outros ingresos (nómina, paro...) correspondentes ao ano no que se formula a solicitude.
  • Fotocopia da declaración do IRPF do último ano ou, no seu defecto, certificado negativo; ou ben autorización ao Concello de Ames para acceder aos datos tributarios  debidamente asinada por tódolos membros que formen parte da unidade familiar de convivencia. No caso de existir variación substanciais na situación económica actual, asinarase unha declaración responsable das condicións económicas concorrentes na data da solicitude e a documentación xustificativa de dita situación.
  • Autorización de domiciliación bancaria conforme ao modelo establecido no anexo IV, asinada pola persoa interesada e a entidade bancaria.
  • Compromiso de contrato das persoas beneficiarias do servizo “Xantar na casa” conforme ao modelo establecido no anexo II.
  • Outros documentos que poidan ser determinantes para a valoración do expediente.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto  198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

PREZO:

  • O establecido na normativa que regula este trámite.

DEPARTAMENTO TÉCNICO RESPONSABLE

CONCELLARÍA RESPONSABLE:

NORMATIVA APLICABLE: