Pestanas principais

A Xunta e o Fondo Galego colaboran para implementar a Axenda 2030 no eido local

Mércores, 08 de xullo de 2020

A Xunta de Galicia e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Ames, veñen de renovar o seu convenio anual, que desta volta se centrará en promover a implementación a nivel local dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobados pola ONU en 2015. O presidente da asociación municipalista e alcalde de Nigrán, Juan González; a vicepresidenta e concelleira en San Sadurniño, Ana B. Gundín, e mais a vogal e alcaldesa de Moraña, Luísa Piñeiro, reuníronse onte co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e coa subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, para darlle seguimento a esta colaboración.

En virtude do devandito acordo, o goberno autonómico achega 60.000 euros á execución do proxecto ‘A Axenda 2030, un reto local nun mundo de transformación’, cuxo obxectivo é impulsar a implicación das deputacións e concellos galegos na consecución dos ODS e na cooperación para o desenvolvemento. Para isto contémplase, entre outras accións, apoiar aos municipios na elaboración de plans para que materialicen a Axenda 2030 no seus territorios. Ademais, a nova web do Fondo Galego incluirá un apartado específico sobre a materia e unha plataforma online na que se ofrecerá formación ao respecto.

O proxecto cofinanciado a través do convenio coa Vicepresidencia da Xunta inclúe asemade a posta en marcha da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, que botou a andar no foro organizado o ano pasado polo Fondo Galego en Santiago de Compostela, coa participación de representantes de oito países. A maiores, en maio realizouse a campaña #OsMunicipiosCooperan, centrada nunha serie de vídeos onde autoridades locais de Galicia e da África lusófona se unen contra o coronavirus e a prol da solidariedade internacional.

O IV Plan Director da cooperación galega 2018-2021 recoñece o papel do Fondo Galego para potenciar a cooperación local e para mellorar a súa coordinación e capacidade. Neste senso, a Xunta renova o seu compromiso para contribuír á consolidación da entidade como instrumento vertebrador da cooperación municipal. Por outra parte, cabe destacar que nestes días se celebra de xeito virtual o Foro Político de Alto Nivel sobre Desenvolvemento Sostible que lle dá seguimento á Axenda 2030. O venres será o día dedicado ás administracións subnacionais, mentres que o luns terá lugar o Foro dos Gobernos Locais e Rexionais.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Imaxe da reunión mantida entre representantes da Xunta e do Fondo Galego