Pestanas principais

O Fondo Galego de Cooperación lanza a campaña #OsMunicipiosCooperan, no que autoridades locais de Galicia e África se unen contra o coronavirus

Martes, 12 de maio de 2020

O Fondo Galego de Cooperación, do que Ames é socio e forma parte da súa Comisión Executiva,  lanza a campaña #OsMunicipiosCooperan, a cal busca poñer en valor a cooperación internacional impulsada polas deputacións e concellos socios no contexto da crise xerada pola Covid-19. A iniciativa, á que pode sumarse calquera persoa ou entidade nas redes sociais, baséase nunha serie de vídeos curtos que se irán subindo aos perfís de Facebook e Twitter e que están protagonizados por alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, deputados e deputadas provinciais, persoal técnico e dirixentes de asociacións de municipios tanto de Galicia como de África lusófona.

Representantes das administracións locais sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e de países lusófonos como Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe únense na campaña #OsMunicipiosCooperan, que busca reforzar a solidariedade internacional no contexto da crise xerada pola Covid-19.

Os vídeos de lanzamento da campaña, protagonizados por alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, deputadas e deputados provinciais, persoal técnico municipal e dirixentes de asociacións de concellos, poderán compartirse dende os perfís do Fondo Galego en Facebook e Twitter a partir de hoxe e ata o 25 de maio, Día de África.

Nas súas mensaxes, as e os gobernantes locais poñen en valor a cooperación para o desenvolvemento impulsada polos concellos e deputacións, que terán un papel chave na superación desta crise.

Cómpre engadir que en moitos países da África lusófona, onde o Fondo Galego concentra os seus proxectos de cooperación e desenvolvemento, a pandemia actual engádese a epidemias anteriores e a unha situación de crise permanente, que os febles sistemas públicos de saúde e protección social non conseguen frear. Ademais, en moitos lugares o confinamento non é viable porque ou ben pon en risco a seguridade alimentaria de millóns de persoas que viven ao día. Ademais, tanto nos países empobrecidos ou en guerra como nos campos de refuxiados, faise complicado extremar as medidas de hixiene e autoprotección.

Como sumarse á campaña #OsMunicipiosCooperan

Calquera persoa ou entidade pode sumarse á campaña #OsMunicipiosCooperan empregando o cancelo ao publicar as súas mensaxes de apoio nas redes sociais. Ademais dos vídeos curtos que se irán lanzando nos próximos días, a iniciativa incorpora outras accións como a recollida de adhesións ao manifesto “Cooperación contra o coronavirus”, promovido pola Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade, organización formada por nove fondos do estado que representan a máis de 1.300 municipios.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, dende a súa fundación en 1997 o Fondo Galego desenvolveu máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

 

Campaña Os Municipios Cooperan