Pestanas principais

Xa dispoñibles na Billeteira os bonos culturais da programación cultural do primeiro semestre de 2022

Mércores, 22 de decembro de 2021

Dende este luns 20 de decembro están á venda os bonos culturais da programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2022. Os bonos, cun custe de 30 euros, supoñen un desconto do 50% do importe total dos doce espectáculos para adultos aos que dá acceso. A Concellaría de Cultura pon á disposición da veciñanza uns 20 bonos, que poderán obterse ata o 4 de xaneiro de 2022 ou ata fin de existencias a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O proceso de retirada dos bonos culturais é sinxelo e realizase en poucos minutos a través da Billeteira. En primeiro lugar, cómpre estar rexistrado na Billeteira e acceder ao panel interno. Dende alí, e a través do menú lateral esquerdo, haberá que seleccionar a opción “Compra de bonos”. A través desta opción, indicaranse o número de bonos a retirar e as butacas que quedarán reservadas para os doce espectáculos, que serán sempre as mesmas, tanto para as funcións no auditorio do Milladoiro como no de Bertamiráns. Unha vez realizado o pago, recibirase a entrada de bono vía correo electrónico, que poderá empregarse para asistir aos doce eventos que inclúe.

A programación orientada ao público adulto dobra as súas propostas para o primeiro semestre de 2022 con respecto ao ano anterior, con doce representacións polas seis da primeira metade de 2021. O itinerario inclúe oferta de danza tradicional e contemporánea, espectáculos de novo circo, teatro dramático e contemporáneo, mais sobre todo é a comedia o xénero con maior presenza, con ata sete obras deste tipo na primeira metade de ano. As funcións están distribuídas de maneira equitativa entre os auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, e van dende o mes de xaneiro ata maio. Para consultar a programación cultural completa poden premer nesta ligazón.

Pola súa banda, as entradas poderán adquirirse a partir do xoves 5 de xaneiro, ao rematar o período de venda de bonos, a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo dos espectáculos nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou no Milladoiro, no caso de que estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Vinte bonos á venda para os espectáculos escénicos locais"

Xa dispoñibles na Billeteira os bonos culturais da programación cultural do primeiro semestre de 2022

Multimedia

  • Xa dispoñibles na Billeteira os bonos culturais da programación cultural do primeiro semestre de 2022
  • Xa dispoñibles na Billeteira os bonos culturais da programación cultural do primeiro semestre de 2022