- Tematica
Dende este luns 9 de xaneiro están á venda as entradas da programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2023. O programa “Ames Cultural” inclúe un total de dez actuacións entre as que se encontran oito espectáculos de teatro e dous de danza. O primeiro deles, unha obra de teatro contemporáneo, “N.E.V.E.R.M.O.R.E”, terá lugar o 20 de xaneiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas, que gozan de descontos do 50% para certos colectivos, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Estas obras están subvencionadas pola AGADIC, dentro do convenio da RGTA e o Concello de Ames. Podedes consultar o catálogo ao completo premendo nesta ligazón.
Os pases para todos os espectáculos poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames despois do éxito da venda da totalidade dos bonos culturais. A Concellaría de Cultura reservara as últimas dúas semanas do mes de decembro á venda dos bonos culturais, que permitían acceder ás oito propostas do programa para o público adulto cun desconto do 50% do prezo total.
Ademais da opción en liña, as entradas poderán retirarse unha hora antes do inicio das representacións nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, no caso de estaren aínda dispoñibles. Non se admitirán cambios nin devolucións das entradas e bonos adquiridos. Ademais, a venda pechará cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo, e unha vez comezadas as representacións ninguén poderá acceder á sala.
Custo das entradas e descontos do 50% para certos colectivos
Os prezos dos billetes serán de 5 euros para os espectáculos para o público adulto e de 4 euros para os dirixidos ao público infantil, con reducións do 50% do custo para certos colectivos, co fin de facilitar a toda a veciñanza o acceso á cultura e ás artes escénicas.
Os grupos que se beneficiarán destes descontos serán as persoas maiores de 60 anos, as familias numerosas, o estudantado con carné de estudante, a mocidade co carné xove, a rapazada menor de 12 anos e as persoas demandantes de emprego.
A programación está composta por dez espectáculos
O departamento de Cultura do Concello de Ames presentou o pasado mes de decembro a programación cultural de artes escénicas do primeiro semestre de 2023, que inclúe un total de dez espectáculos de teatro e danza. As distintas representacións desenvolveranse de maneira equitativa nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. A programación para adultos ofrece sete espectáculos de teatro e un de danza. O primeiro deles, unha obra de teatro contemporáneo, “N.E.V.E.R.M.O.R.E”, terá lugar o 20 de xaneiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación rematará o venres 21 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro co espectáculo de danza “Tabú” de Colectivo Globo. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón. Estas obras están subvencionadas pola AGADIC, dentro do convenio da RGTA e o Concello de Ames.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Entradas para o programa de artes escénicas á venda"