Pestanas principais

Á venda as entradas da programación de artes escénicas de Ames para o primeiro semestre de 2022

Mércores, 05 de xaneiro de 2022

Dende hoxe están dispoñibles na Billeteira as entradas para os dezaseis espectáculos de teatro, danza e novo circo do itinerario cultural amesán da primeira metade de ano. Con catro representacións para o público infantil e doce para o adulto, os prezos serán de 4 e 5 euros, respectivamente, con descontos do 50% para certos colectivos. A comedia “Gloria Nacional”, da compañía Teatro do Nordeste, inaugurará a programación o próximo venres 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Os pases para todos os espectáculos poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, abilleteira.concellodeames.gal, despois de que a Concellaría de Cultura reservara as últimas dúas semanas á venda dos bonos culturais, que permitirán cun desconto do 50% do prezo total acceder ás doce propostas do programa para o público adulto. Ademais da opción en liña, as entradas poderán retirarse unha hora antes do inicio das representacións nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, no caso de estaren aínda dispoñibles. Non se admitirán cambios nin devolucións.

Custo das entradas e descontos do 50% para certos colectivos

Os prezos dos billetes serán de 5 euros para os espectáculos para o público adulto e de 4 euros para os dirixidos ao público infantil, con reducións do 50% do custo para certos colectivos, co fin de facilitar a toda a veciñanza o acceso á cultura e ás artes escénicas. Os grupos que se beneficiarán destes descontos serán as persoas maiores de 60 anos, as familias numerosas, o estudantado con carné de estudante, a mocidade co carné xove, a rapazada menor de 12 anos e as persoas demandantes de emprego. No control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación necesaria para xustificar estes casos.

“Gloria Nacional” abre o itinerario de artes escénicas do primeiro semestre

A proposta que inaugurará a programación será “Gloria Nacional”, unha comedia dirixida ao público adulto da compañía Teatro do Nordeste, que se representará o próximo venres 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola súa banda, a oferta para público infantil comezará o venres 11 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, con “Ás para Álex”, un espectáculo de monicreques da compañía Baobab Teatro.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Sacan á venda as entradas para os 16 espectáculos culturais de circo, danza e teatro"

AMSGO!: "Xa á venda as entradas para a programación de artes escénicas dos próximos seis meses"

Á venda as entradas da programación de artes escénicas de Ames para o primeiro semestre de 2022

Multimedia

  • Á venda as entradas da programación de artes escénicas de Ames para o primeiro semestre de 2022
  • Á venda as entradas da programación de artes escénicas de Ames para o primeiro semestre de 2022