Pestanas principais

A veciñanza amesá presentou 225 propostas aos Orzamentos Participativos 2020

Martes, 10 de novembro de 2020

O Concello de Ames vén de pechar o prazo de presentación de propostas dos Orzamentos Participativos do 2020 o pasado venres 30 de outubro. Durante o período que estivo aberto dito prazo recolléronse un total de 225 propostas de distintos ámbitos. Dentro deste total presentáronse 156 propostas para investimentos no rural, 20 para investimentos mocidade, 10 actividades para a muller, 11 actividades medioambientais, 15 actividades para mocidade, 13 actividades de cultura. Agora comeza o prazo de análise de viabilidade das propostas, que desembocará na votación final das propostas.

O pasado xoves, 7 de novembro, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e mailo concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, mantiveron unha xuntanza con persoal da empresa Cidadanía, na que se presentaron as propostas recollidas no proceso de participación dos Orzamentos Participativos 2020.

Durante o período que estivo aberto dito prazo recolléronse un total de 225 propostas de distintos ámbitos. Dentro deste total presentáronse 156 propostas para investimentos no rural, 20 para investimentos mocidade, 10 actividades para a muller, 11 actividades medioambientais, 15 actividades para mocidade, 13 actividades de cultura.

Agora arrinca a fase de análise e estudo de viabilidade das propostas. Tal e como explica o folleto informativo deste proceso, que podes descargar premendo nesta ligazón. Nesta segunda fase será o persoal técnico do Concello o encargado de estudar que as propostas presentadas sexan viables legal, técnica e orzamentariamente.
                                                                                                
Ámbitos dos Orzamentos Participativos 2020
As propostas que cumpran estes requisitos estudaranse e serán priorizadas pola Comisión dos Orzamentos Participativos. A priorización supón o establecemento dunha orde de relevancia de 10 propostas, como máximo, por cada ámbito que, lembramos, responde a esta lóxica de cantidades:

➔ 120.000€ para investimentos no conxunto do rural.
➔ 40.000€ para investimentos dirixidos á mocidade.
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á mocidade.
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á muller.
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura.
➔ 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.

Para os Orzamentos Participativos 2020 destinarase no orzamento do 2021 un total de 200.000 euros.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, agradécelle “á veciñanza que participou presentando estas 225 propostas, pois somos conscientes do momento tan difícil polo que estamos a pasar. Desde o Goberno municipal seguimos a traballar nos Orzamentos Participativos, esperando ter escollidas as actuacións para poder incluílas nos Orzamentos 2021 e que poidan executarse ao longo do vindeiro ano".

Cara o proceso de votación
Cada persoa empadroada no Concello de Ames poderá, rematada esta fase de análise de viabilidade, votar nos 6 ámbitos citados anteriormente, agás no de mocidade, que estará pechado á veciñanza que estea comprendida entre os 16 e os 30 anos de idade.

Tendo en conta as circunstancias derivadas da crise sanitaria da COVID-19 o equipo de goberno quere minimizar na medida do posible o contacto, polo que neste proceso abrirase a votación a través dunha plataforma electrónica con acceso dende a web do Concello priorizando en todo momento a votación telemática, e poderá complementarse,  se as medidas sanitarias o permiten, con votación presencial que, de ser o caso, realizarase sen contacto e cumprindo todos os protocolos. Irase cargando en www.concellodeames.gal toda a información, así como nas redes sociais do Concello.

O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, indica que “estamos plenamente satisfeitos do grao de participación amosada pola veciñanza neste proceso, así como de poder cumprir, pese a circunstancias tan adversas, uns dos compromisos adquiridos de implicar aos veciños e veciñas nas decisións que afecten o concello a través dos Orzamentos Participativos, no que é un paso máis cara a un Goberno máis transparente e colaborativo”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tiene 225 propuestas para los presupuestos participativos"

Xuntaza Orzamentos Participativos.