- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da programación de teatro, música e danza para o primeiro semestre de 2020 do Concello de Ames. A esta asistiron Natividade González, concelleira de Cultura, Anxo Lourenzo, Director Xeral de Políticas Culturais, e representantes das diferentes obras de teatro e actuacións que se desenvolverán nos próximos meses. En total, trece funcións de nove compañías diferentes conforman esta programación cultural, cuxas entradas xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello.
A programación de teatro, música e danza do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2020 está subvencionada por AGADIC. Á súa presentación, que tivo lugar esta mañá na casa da Cultura do Milladoiro, asistiron: Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación; Anxo Lorenzo, Director Xeral de Políticas Culturais; Xesús Ron e Patricia de Lourenzo, representando a obra Curva España do Grupo Chévere; Paula e Anxo do grupo de música Gramola Gominola; Jesús Velasco, autor e intérprete de Só de Xampatito Pato; Candido Pazó, director de O Electo, de Contraproducións SL; Eduardo Alonso e Luma Gómez, en representación de As Virxes Salvaxes de Teatro do Noroeste; Anxo García, representante de O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia; Víctor Mosqueira, de Producións Teatrais Excéntricas; María Ordónez, integrante do elenco artístico de Lambetadas de Talía Teatro; Guillermo Carbajo, responsable da Compañía Redrum; e Fran Sieira, responsable da Compañía de Danza Fran Sieira.
Abriu a rolda de prensa a concelleira de Cultura, Natividade González, declarando que “Ames é un concello que xa ven dende dende o anterior goberno apostando polas artes escénicas, e así o demostran os datos, xa que máis de 2500 persoas pasaron por estes pequenos auditorios durante o ano pasado para ver diferentes espectáculos”. Ademais engadiu que “así esperamos seguir sumando este ano, que contamos con 13 funcións postas en escena por 9 compañías, que a partir do venres 31 vamos a ter durante todos os fins de semana do primeiro semestre, alternando entre Milladoiro e Bertamiráns un espectáculo, agás o venres de Entroido e o venres de Semana Santa”.
Pola súa parte, o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, afirmou que “a Rede Galega de Teatros e Auditorios é unha aposta pola que seguiremos investindo, colaborando cos concellos”. Anxo tamén recalcou que “tendo en conta cifras de Agadic, neste primeiro semestre do ano vai haber 328 actuacións e 18 estreas absolutas, das cales algunhas se encontran aquí hoxe, repartidas en 45 espazos técnicos de 40 municipios de Galicia e cun investimento conxunto entre Xunta e concellos de algo máis de un millón e medio de euros”.
Posteriormente a estas dúas intervencións, cada un dos representantes das funcións fixeron unha pequena intervención explicando cadansúa obra, agradecendo ao concello e recalcando a importancia deste tipo de programacións culturais.
A programación comeza o próximo venres 31 de xaneiro e rematará en abril
Desta maneira, a primeira das obras de teatro que comprende a programación é Curva España do Grupo Chévere. Esta peza de teatro contemporáneo desenvolverase o venres 31 de xaneiro, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
En febreiro, o venres 7, terán cabida dúas citas, unha de música rock para un público infantil e outra de teatro. A primeira delas, o concerto de música rock por parte do grupo A Gramola Gominola, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que a obra de teatro O Electo, de Contraproducións SL, terá como escenario a Casa da Cultura do Milladoiro. Xa o venres 14, é a quenda de Teatro do Noroeste coa estrea da súa obra As Virxes Salvaxes na Casa da Cultura de Bertamiráns.
No mes de marzo inaugura a programación unha obra destinada a un público infantil: SÓ da compañía Xampatito Pato. Será o venres 6 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro. Ese mesmo día tamén se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns O meu mundo non é deste reino, peza teatral de Teatro da Ramboia que foi a gañadora do Premio Manuel María de Proxectos Teatrais.
Seguidamente, o venres 13 de marzo, a compañía Producións Teatrais Excéntricas SL representará Medida x Medida de Shakespeare na Casa da Cultura do Milladoiro. Mentres que o venres 27 Talía Teatro amenizará o día Mundial do Teatro con dúas obras, unha na Casa da Cultura de Bertamiráns e outra na do Milladoiro. A primeira delas será a encargada de acoller a obra Lambetadas, destinada a un público infantil, mentres que a segunda acollerá Vida de Cans, para un público adulto.
O último mes desta programación de música, teatro e baile do Concello de Ames é abril. Así, o venres 17 dese mes volve Producións Teatrais Excéntricas SL ao concello, desta vez coa súa obra Cadaval conta... Vacas, Guerras, Porcos e Cregos. Unha contada de Quico Cadaval que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, con motivo da conmemoración o día 29 de abril do día Internacional da Danza, o venres 24 chega á Casa da Cultura do Milladoiro a compañía de danza de Fran Sieira, cunha obra de baile tradicional galego no marco da danza contemporánea. Este espectáculo será o encargado de dar por finalizada esta programación para o primeiro trimestre do ano, que espera encher os auditorios amesáns en toda as funcións.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "A rede galega de teatros achega trece actuacións para Ames"
El Correo Gallego: "Ames y Agadic se alían para ofrecer música, teatro y danza"
Lindeiros: "Teatro, música e danza na programación de Ames"
Compostela 24 horas: "Ames ofrece 11 funcións de oito espectáculos dentro da Rede Galga de Teatros e Auditorios"