- Tematica
Un total de 867 veciños e veciñas de Ames están a participar no programa Amessan 2023-2024. A iniciativa comprende unha ampla oferta de actividades saudables para maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. A través deste programa, promovido pola Concellería de Benestar Social, impártense diversos cursos e actividades en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Tarroeira, Trasmonte e Oca. No pasado mes de outubro adxudicouse o novo contrato do programa Amessan á empresa Esproade Sl por un período de dous anos e un importe de 211.549,91 euros.
Un ano máis, o programa de envellecemento activo do Concello de Ames, o Amessan, conta cunha ampla participación da veciñanza do concello. Así, un total de 867 persoas están a participar nas diversas actividades que se desenvolven dentro do programa.
A programación deste ano inclúe obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como de música tradicional galega. Tamén se oferta ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, vólvense a poñer en marcha actividades como a musicoterapia, a bailoterapia ou o baile en liña, novidades das anteriores edicións que tiveron gran éxito.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “nesta edición, como novidade, modificáronse algúns grupos de traballo e abriuse algunha actividade en núcleos rurais nos que antes non estaba dispoñible. O programa Amessan é un dos programas que mellor funcionan dos organizados polo Concello de Ames. Ten varias vertentes, sendo a máis destacada de todas elas o envellecemento activo. A intención desta Concellaría é espallar as actividades por todo o municipio, por iso abrimos outro grupo na parroquia de Tapia”.
Núcleos urbanos
Na localidade de Bertamiráns participan 366 persoas, sendo así o dato de participación máis alto de todos os núcleos do concello. Dentro da oferta de actividades, en Bertamiráns as máis populares son a ximnasia terapéutica (137 inscritos/as) e a bailoterapia (50 inscritos/as).
Pola súa banda, no Milladoiro forman parte deste programa 252 veciños e veciñas. Entre eles a ximnasia terapéutica tamén é unha das opcións máis demandadas (100 inscritos/as), seguida dos obradoiros de memoria (61 inscritos/as), unha das novidades do programa deste ano.
Núcleos rurais
No relativo aos núcleo rurais do concello, 249 veciños e veciñas están a participar nas actividades que se desenvolven nos locais socias das parroquias de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Tarroeira, Trasmonte e Oca.
Tamén nas parroquias actividades máis populares entre a veciñanza son a ximnasia terapéutica, na que participan 117 persoas, e os obradoiros de memoria, con 56 inscritos/as.
Novo contrato Amessan
O pasado 5 de outubro a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do programa Amessan á empresa Esproade SL. No novo contrato ofertáronse varias melloras do servizo como a realización de actividade de estimulación cognitiva a través do corpo, da música e do movemento de 2 horas/semanais por tempada, a maiores das actividades establecidas. Outra das melloras incluídas no novo contrato é a impartición da actividade “Baile para os maiores” de dúas horas de duración cunha periodicidade quincenal.
O contrato terá unha duración de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prorrogas). O importe do contrato para os dous anos de contrato ascende a 211.549,91 euros.
Novas relacionadas:
Ames Go: "Preto de 900 persoas participan no programa Amessan 2023-2024"