Pestanas principais

Preséntase a programación da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro

Martes, 06 de setembro de 2022

O Concello de Ames vai celebrar por cuarta vez consecutiva a Semana Europea da Mobilidade, que neste 2022 se desenvolve do 16 ao 22 de setembro, cunha serie de actividades a prol da mobilidade activa, do transporte público e doutros medios limpos e intelixentes. Deste xeito, o programa inclúe andainas, xogos, coloquios, mostras e marchas ciclistas ao longo da semana. A temática escollida pola Comisión Europea para este ano é “Mellores conexións”, coa que se busca difundir os beneficios de uso das formas de transporte sostibles.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña que leva a cabo dende o ano 2002 a Comisión Europea, co fin de promover unha mobilidade urbana sostible, animando ao cambio de hábitos a prol da mobilidade activa, o transporte público e outras solucións de transporte limpas e intelixentes. Ata o momento, máis de 1.700 cidades e vilas sumáronse á campaña deste ano, entre elas o Concello de Ames, baixo o lema “Mellores conexións”, que se sustenta nas relacións entre persoas, lugares, transporte público, planificación e política.

Neste senso, o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu a presentación da programación da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; o Oficial da Policía Local de Ames, Maximino García; Marcos Martínez, director xeral de WECO mobility, e Belén Barros, directora de comunicación e marketing de VOGA.

Abriu o acto a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, que destacou as medidas tomadas recentemente a prol da mobilidade sostible. “Por cuarto ano consecutivo celebramos a SEM en Ames, unha campaña que fomenta o cambio de comportamentos cara á mobilidade activa, e que pretende concienciar sobre as consecuencias negativas do uso excesivo do vehículo privado. En Ames imos dando pasos neste senso, co calmado do tráfico, a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, a instalación de pasos-minutos coa campaña “Camiños da Saúde”, o proxecto dos carreiros escolares que presentaremos o día 15, e outras actuacións incluídas no PMUS”.

Pola súa banda, o director xeral de WECO mobility, Marcos Martínez, animou á veciñanza a achegarse ás dúas mostras de vehículos eléctricos que vai realizar a empresa no Milladoiro e Bertamiráns. “Encántanos este tipo de iniciativas porque nos permiten explicar que é a mobilidade sostible dentro dos concellos, que a xente poida probar de primeira man un patinete eléctrico, unha bici ou unha moto, e explicarlles as súas características técnicas e a normativa, que entendan mellor por onde poden circular, se teñen que levar ou non casco e outras cuestións”.

Pechou o acto o alcalde de Ames, Blas García, que insistiu na importancia da mobilidade na acción do Goberno municipal. “Levamos todo o mandato apostando fortemente pola mobilidade, creando por primeira vez unha concellaría neste eido e desenvolvendo proxectos. Xa sexan o PMUS, todas as obras en infraestruturas que estamos a facer, o plan EDUSI, con proxectos como a améndoa central de Bertamiráns, o carril bici que sae da contorna de Bertamiráns ata As Cortes, e que temos a intención de ampliar ata o CEIP Agro do Muíño, ou os carreiros escolares, que presentaremos a semana que vén. É un traballo que facemos porque estamos convencidos da necesidade de apostar pola mobilidade, que as persoas poidan camiñar con seguridade ou empregar vehículos sostibles”.

Programación da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames

As actividades comezarán o venres 16 de setembro, cunha marcha ciclista nocturna que partirá ás 22:00 horas da praza do Concello, en Bertamiráns. Ao igual que en edicións anteriores, tratarase dun percorrido sinxelo e ben iluminado, duns oito quilómetros, pensado para que toda a familia poida sumarse. Para participar cómpre inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico mobilidade@concellodeames.gal, e levar chaleco reflector e casco durante a marcha.

O programa continuará o sábado 17, cunha serie de xogos e actividades orientados á rapazada dos 4 aos 12 anos. A partir das 17:00 horas, o aparcadoiro da travesía do Porto, no Milladoiro, acollerá de xeito simultáneo uns xogos populares en bicicleta e a proposta “Coñecendo a Unión Europea”, co gallo da presentación do proxecto dos carreiros escolares, parte do Plan Impulsa Ames – EDUSI, que terá lugar o día 15 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro. De xeito simultáneo, comezará unha mostra de bicis, patíns e motos eléctricas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, por cortesía de WECO mobility.

A fin de semana rematará con dúas iniciativas máis o domingo 18. En primeiro lugar, realizarase unha andaina pola senda verde, un percorrido de doce quilómetros de dificultade baixa que une O Milladoiro con Bertamiráns. Será ás 10:00 horas, partindo dende a igrexa de San Xosé, no Milladoiro. Para participar nesta saída, na que colaboran as concellarías de Promoción da Saúde e de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, cómpre inscribirse ata o mércores 14 ás 14:00 horas, enviando un correo a promociondasaude@concellodeames.gal indicando “Andaina senda verde”, e especificando se se precisa autobús. A xornada completarase ás 12:00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns, cunha nova mostra de medios de transporte sostibles con WECO mobility.

A programación pecharase o martes 20, con dúas charlas para as persoas maiores cos coordinadores provinciais de educación viaria da Coruña, baixo o lema “Sabelo é empezar a evitalo”. Nelas poderán consultar dúbidas e inquedanzas sobre a mobilidade no concello e a seguridade viaria, en especial no eido dos atropelos en vías interurbanas, o foco principal das recentes campañas de concienciación da Dirección Xeral de Tráfico. Serán ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e ás 19:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La semana europea de movilidad de Ames incluye charlas, rutas y juegos"

El Correo Gallego: "Rutas, juegos, coloquios y muestras en la Semana da Mobilidade del 16 al 22"

Enfoques: "Ames presenta la programación de su IV Semana Europea da Mobilidade"

Lindeiros: "IV Semana Europea da Mobilidade en Ames"

AMSGO!: "IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro"

Preséntase a programación da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro

Multimedia

  • Cartaz da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro
  • Preséntase a programación da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro
  • Preséntase a programación da IV Semana Europea da Mobilidade de Ames, do 16 ao 22 de setembro