Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de licitación para a creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro

Sábado, 30 de xullo de 2022

Na Xunta de Goberno Local celebrada o 21 de xullo de 2022 aprobouse o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado, da obra para a creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro, que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Este proxecto ten un orzamento base de contratación de 411.283 euros. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

O concello de Ames experimentou unha forte expansión e crecemento urbano heteroxéneo que orixinou que se creasen centros educativos na periferia dos núcleos urbanos. Con todo, a localización dos colexios fóra dos núcleos principais, na rede de camiños tradicionais de carácter rural que conforman o territorio, preséntase como unha oportunidade para xerar novas vías de conectividade peonil e ciclable. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.

En concreto, pola súa localización e as posibilidades que ofrecen de crear carreiros seguros e con interese ambiental, a Xunta do Goberno Local vén de aprobar a licitación do expediente de contratación para a creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro.

O contrato “Creación de carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro” ten encaixe na liña LA4, “Programa de creación dunha rede de carreiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e ciclable”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirregional de España – FEDER, axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Entre os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa esta actuación cómpre salientar:
-Impulso e mellora da mobilidade sostible.
-Mellora da conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos.
-Mellora da accesibilidade.
-Redución do uso do vehículo particular.
-Contribución á igualdade de oportunidades.
-Mellora do medio urbano na súa dimensión ambiental, paisaxística e urbanística, co consecuente impacto no benestar da poboación, a promoción da cohesión social e territorial e a competitividade.
-Mellora do estado do chan urbano, recuperándoo para usos públicos amables co medio natural.
      
Características do contrato
Co obxectivo de resolver o acceso de nenos/nenas e pais/nais aos centros educativos de infantil e primaria e aos institutos de educación secundaria de ambas as localidades e garantir tránsitos peonís seguros e adaptados, dende o Concello de Ames decídese crear estes carreiros de acceso aos colexios do municipio que funcionarán tamén como sendas verdes de carácter máis recreativo e estarán ao dispor da cidadanía en xeral.

BERTAMIRÁNS: A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha.

O MILLADOIRO: A senda escolar prevista para o acceso ao CEP de Ventín dende a zona Oeste do Milladoiro terá un trazado eminentemente rural partindo desde unha glorieta na rúa do Buxo por un camiño actualmente en terra cunha pendente entre un 8 e un 20% neste primeiro tramo. Na intersección do camiño acondicionado coa estrada á aldea de Ventín poñerase un paso de peóns para cruzar pola marxe esquerda da devandita calzada para continuar coa senda.

Neste segundo tramo prevese que a senda discorra polo carril esquerdo anulado e quedando o carril dereito activo para vehículos en sentido Ventín coa particularidade de quedar ese viario con velocidade 20 km/h de servizo ás naves comerciais dos arredores. Ao final do tramo en asfalto comentado, este conéctase cun viario de acceso á aldea de Coira e un camiño en terra que chega á porta do CEP de Ventín, polo que ese camiño constituirá o terceiro e último tramo de acondicionamento da senda.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames estrenará red de caminos escolares seguros este curso con una inversión de 401.470 euros"

El Correo Gallego: "Licitados os carreiros escolares nas dúas urbes"

AMSGO!: "Ames creará carreiros escolares en Bertamiráns e o Milladoiro"

Imaxe pola que discorrerá o carreiro escolar de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe da avenida da Peregrina pola que discorrerá o carreiro escolar de Bertamiráns
  • Imaxe da avenida da Peregrina pola que discorrerá o carreiro escolar de Bertamiráns
  • Imaxe do camiño polo que discorrerá o carreiro escolar do Milladoiro
  • Imaxe da estrada pola que discorrerá o carreiro escolar do Milladoiro
  • Imaxe do camiño polo que discorrerá o carreiro escolar do Milladoiro