Pestanas principais

Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas

Venres, 17 de decembro de 2021

A Concellaría de Cultura de Ames presentou está mañá, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, a programación cultural de artes escénicas para o primeiro semestre de 2022, que inclúe dezaseis representacións de teatro, danza e novo circo. O itinerario desenvolverase equitativamente nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, cun investimento duns 60 mil euros en contratacións realizados en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). As entradas poderán adquirirse de maneira individual a partir do 5 de xaneiro, dende a billeteira electrónica do Concello. Ademais, haberá descontos para varios colectivos e “abonos culturais”, que dende o 20 de decembro poderán obterse na billeteira para acudir aos espectáculos para adultos cun 50% de desconto. A programación pode consultarse integramente premendo neste enlace.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación de artes escénicas do Concello de Ames para a primeira metade de 2022. No acto interviron a concelleira de Cultura, Natividade González; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), e a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez.

Ademais, foi invitado a asistir parte do persoal e do elenco artístico das diferentes compañías de teatro, circo e danza que compoñen a oferta deste primeiro semestre. Así, participaron na presentación Luma Gómez, de “Gloria Nacional”, de Teatro do Noroeste; Victor Mosqueira, de “Estrela do Día”, de Producións Teatrais Excéntricas; Rubén Porto e Roberto Leal, de “O Mozo da Última Fila”, de Redrum Teatro; Carlos Carbonel, de Crémilo Proyectos Culturales; Fran Sieira, de “DeMente”, da compañía de danza Fran Sieira; Marta Alonso, de “Bailar Agora”, da compañía de danza Marta Alonso Tejada Traspediante; Carmen Facorro, de Amorodio Teatro, e Gustavo del Río, de Os Náufragos.

O itinerario inclúe un total de dezaseis representacións, distribuídas de maneira equitativa entre os auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, con propostas tanto para o público miúdo como para o familiar ou o adulto. A programación inclúe un amplo abano de xéneros e formatos dentro das artes escénicas, no que podemos atopar teatro de monicreques, musical, contemporáneo, comedia ou drama; espectáculos de danza tradicional ou contemporánea, ou mesmo novo circo.

Abriu o acto de presentación a concelleira de Cultura, Natividade González, que quixo remarcar o compromiso de Ames coa cultura, “un ben esencial” polo que mantiveron a aposta durante a pandemia. “Ames medra coa cultura. A pesar das dificultades dos últimos dous anos, reprogramamos o 100% da nosa programación. Fomos capaces de reinventarnos e de sermos sensibles coas necesidades da nosa veciñanza”.

González anunciou prezos reducidos nas entradas para certos colectivos, e gabou a relación que mantén o concello coas compañías de artes escénicas e o tecido cultural galego. “Con Ames Cultural seguimos innovando, xerando un atractivo para os espectadores cun alto nivel de calidade aportado polas compañías que formades parte do noso cartel. Demos un paso diante, e aplicamos descontos nas tarifas, para achegar a cultura a todas as persoas, dende xubilados, mocidade, desempregados ou familias numerosas, Temos claro que a cultura non é un luxo, senón un ben esencial”.

A concelleira de Cultura agradeceu por último a colaboración con AGADIC, que considera “chave” para mellorar a oferta cultural para a veciñanza amesá. “Entre ambas institucións sumamos xa 60 mil euros para estimular a contratación cultural neste concello, ademais dos investimentos técnicos para os nosos auditorios, que melloran e facilitan as estancias das compañías e do noso público”.

Neste senso, Jacobo Sutil, director de AGADIC, quixo felicitar ao concello pola calidade da súa programación, e agradeceu o traballo conxunto realizado para que a cultura continuase durante a pandemia. “Os concellos demostraron durante todos estes meses o seu compromiso por non parar a cultura. Esta programación é moi completa, con teatro, danza e novo circo, para todos os públicos. Non podo máis que darlle os parabéns ao Concello, e mais coa representación que temos aquí de artistas galegos. A Xunta e os concellos somos socios, e seguiremos traballando xuntos”.

A técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, foi a encargada de expoñer os criterios de programación, que busca atraer ao máximo público posible aos dous núcleos urbanos principais de Ames. “Decidimos concentrar a programación de artes escénicas nos meses de xaneiro ata maio, xa que no segundo semestre xa contamos con festivais de cine e de maxia. Intentamos abarcar distintas disciplinas e intercalar a programación entre Bertamiráns e o Milladoiro, iso si, sempre tendo en conta que as propostas se adapten ao espazo”. Vázquez destacou ademais o compromiso de Ames coas compañías galegas, tanto consolidadas como de nova creación, así como coas obras “atractivas, con valores sociais, culturais, lingüísticos ou de xénero”.

Venda de entradas e abonos culturais

As entradas poderán adquirirse dende o mércores 5 de xaneiro a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, abilleteira.concellodeames.gal, ou ben unha hora antes do comezo dos espectáculos nas Casas da Cultura de Bertamiráns ou no Milladoiro, no caso de que estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego.

Ademais, volven os abonos culturais despois de que se introduciran por primeira vez na programación de artes escénicas do primeiro semestre do 2021. Nesta ocasión, os bonos culturais, cun custo de trinta euros, só se lanzarán para asistir ás doce funcións da programación de adultos, o que supón un desconto do 50% do importe total das entradas. Entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro de 2022 sairán á venda un total de vinte bonos, que estarán dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames. Non se admitirán nin cambios nin devolucións nas entradas e abonos adquiridos.

Artes escénicas para a cativada e as familias

A programación de artes escénicas para o público miúdo e familiar da primeira metade de 2022 inclúe catro obras teatrais, con diferentes idades recomendadas e con presenza de xéneros como o teatro contemporáneo, o musical ou o de monicreques. Este último é o caso da primeira representación do semestre, “Ás para Álex”, que terá lugar o venres 11 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Pensada para o público familiar e para a cativada a partir dos 5 anos, a obra da compañía Baobab Teatro conta a historia de Álex, un neno de 8 anos apaixonado ao fútbol que de súpeto non pode camiñar. Álex está anoxado co mundo ata que aparece Laura, que comeza a mudar a mirada que ten o rapaz do que lle rodea.

Xa en marzo será a quenda de “Asdomare”, un espectáculo de narración oral e música a cargo da compañía encabezada pola parella Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Asdomare son as mulleres do mar, ou o mar de mulleres, todo o que o mar quita e deixa. A proposta de teatro musical, recomendada para rapazada dos 6 aos 10 anos, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, o venres 18 de marzo, ás 18:00 horas.

O seguinte venres volverá o teatro ao Milladoiro, coa representación de “Aibō”, a ópera prima da compañía Eléctrica, con Iria Pinheiro e Areta Bolado. “Aibō” (compañeira ou compañeiro en xaponés) é a palabra empregada para definir esta fábula, inspirada na Carapuchiña Vermella, que trata de dar unha visión en positivo sobre a nosa relación coa natureza. Orientada á cativada dos 3 aos 6 anos e ao público familiar, a obra representarase o venres 25 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

A última proposta do semestre para o público miúdo e familiar será “Hugo”, da compañía Os Náufragos, que actuará o venres 1 de abril, ás 18:00 horas, nesta ocasión na Casa da Cultura de Bertamiráns. Hugo é un rapaz con TEA (trastorno do espectro autista) ao que lle gustan os avións e o piano. A obra, dirixida á rapazada dos 4 aos 10 anos, fala da empatía e da beleza da diversidade.

Ata doce propostas para o público adulto

Pola súa parte, a programación orientada ao público adulto dobra as súas propostas para o primeiro semestre de 2022, con doce propostas polas seis do ano anterior. O itinerario inclúe oferta de danza tradicional e contemporánea, espectáculos de novo circo, teatro dramático e contemporáneo, mais sobre todo é a comedia o xénero con maior presenza, con ata sete representacións deste tipo na primeira metade de ano.

É precisamente con comedia co que abre a programación para adultos, con tres obras deste xénero no mes de xaneiro. A primeira delas é “Gloria Nacional”, que conta a historia de Uxío Rodas, un escultor e pintor de gran repercusión no seu país ao que o seu presidente lle pide unha gran escultura monumental que represente á súa nación. Dirixida pola compañía Teatro do Noroeste, a representación será o venres 14 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Unha semana despois, o venres 21, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, a compañía Producións Teatrais Excéntricas presentará a comedia “Estrela do Día”, ás 20:30 horas. Tratarase dunha experiencia para que o público recupere a “fe” no teatro, a través de milagres, da inxenuidade e da nova inocencia.

Para pechar o mes de xaneiro, o venres 28 ás 20:30 horas a compañía Redrum Teatro leva á Casa da Cultura do Milladoiro “O mozo da última fila”, unha comedia que se centra en Claudio, un estudante de dezasete anos que non soporta as clases, e en Xermán, o seu profesor de Lingua e Literatura, co que empeza a compartir relatos a raíz dunha redacción sobre unha fin de semana.

Xa en febreiro, o itinerario seguirá con “Drop”, da compañía Pistacatro. Recomendada tamén para a rapazada a partir de 10 anos, “Drop” é un espectáculo de novo circo, con teatro, música en directo e malabares, chaves na obra para facer unha comparación coa vida e os equilibrios que todos e todas facemos en certos momentos. Será o venres 4 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

A parábola do angazo” será a seguinte representación do programa, o venres 11 de febreiro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A compañía Talía Teatro conta, a través da comedia, a historia dun mozo dunha aldea galega que esquece a súa lingua ao emigrar uns meses a Castela. Partindo dunha lenda xa recollida polo Padre Sarmiento no século XVII, a obra busca mostrar a capacidade de resistencia do galego.

O venres 18 de febreiro, ás 20:30 horas, é a quenda de “Libre como os paxaros”, na Casa da Cultura do Milladoiro. O drama da compañía Teatro do Atlántico ten á actriz María Barcala representando o papel dunha muller escritora e poetisa, comprometida coa cultura do seu pobo, que reflicte e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria: María Rosalía Rita de Castro.

No mes de marzo celebraranse tres obras máis. O venres 11 de marzo, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, a compañía A Quinta do Cuadrante representará “A Lúa vai encuberta”, un texto orixinal de Manuel María arredor da realidade galega e da loita por conformar unha identidade propia.

O 18 de marzo volve a comedia coa produción da compañía A Panadaría, “As que limpan”. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. A obra pon o seu foco nas camareiras de piso dos hoteis, e na súa loita por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos.

A terceira e última representación do mes de marzo será “GOLFA”, unha comedia transmedia sobre a sexualidade dende as artes escénicas. As compañías Crémilo Proxectos Culturais e Dist. Espectáculos levan esta peza á Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 25 de marzo, ás 20:30 horas.

O mes de abril estará dedicado á danza, con dous espectáculos na Casa da Cultura do Milladoiro. O primeiro será “DeMente”, o venres 1 de abril ás 20:30 horas. Será unha sesión de danza tradicional da compañía Fran Sierra, que tratará de mostrar o estigma que sofren e sufriron as persoas que padecen trastornos mentais, dende os amoreamentos carcerarios ata a a exteriorización dos nosos días.

A segunda proposta de danza será o venres 22 de abril ás 20:30 horas, con “Bailar agora”, un espectáculo de danza contemporánea da compañía Marta Alonso Tejada Traspediante. “Bailar agora” é un impulso por situarnos no tempo actual das cousas, con plena consciencia sobre o aquí e o agora do que facemos e de como vivimos.

A derradeira obra da programación cultural de artes escénicas do primeiro semestre de 2022 será “Reino da Extinción”, da compañía Amorodio Teatro. “Reino da Extinción” é unha comedia que conta a historia de catro persoas galegas de diferentes etapas históricas, que son forzadas a convivir nun Alén moi distinto do que imaxinaban, poñendo a proba as ideas do público sobre que é ser galego, vivir en Galicia ou falar a nosa lingua. A representación terá lugar o venres 6 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Dieciséis obras de teatro, danza y circo para recibir el año 2022"

La Voz de Galicia: "Santiago y Ames acogen 21 montajes a través de la Rede Galega de Teatros"

Lindeiros: "16 espectáculos na programación de Ames para a primeira parte do 2022"

Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas

Multimedia

  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Presentada a programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022, con dezaseis espectáculos de artes escénicas
  • Cartel da programación cultural de Ames do primeiro semestre de 2022