- Tematica
O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle hoxe xoves, 15 de outubro, un encontro entre as escritoras Charo Pita e Ana Griot. O evento chega a Ames da man de “Afinidades electivas”, un programa de animación á lectura, promovido polo Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral do Libro, que impulsa a actividade cultural nas librerías e apoia a creación literaria a través da difusión lingüística e cultural. A proposta chega a Ames da man da libraría Lenda e conta coa colaboración da Biblioteca Municipal de Ames. O acto retransmitirase en directo a través da plataforma zoom. O id da reunión é: 824 8807 8782, e o código: Ames.
A artista multidisciplinar, Charo Pita leva anos colaborando co Concello de Ames. As súas intervencións como narradora, música e poeta son de sobras coñecidas tanto no ámbito da infancia como dos adultos. Ten máis de vinte publicacións e outros tantos espectáculos estreados. Posúe ademais o premio Manuel Murguía de Relatos, o Espiral Maior de Poesía, o de narrativa do Concello de Culleredo e o de contos de Terror que convoca a Agrupación Cultural O Facho. Como narradora oral ten contado contos en Alemaña, Italia, Polonia e Nicaragua.
Ana Cristina Herreros, que utiliza na escrita o alcume de Ana Griot, é licenciada en Filosofía y Letras e en Lengua y Literatura Española e Iberoaméricana. Escritora e narradora, ademais de editora no selo “Libros delas Malas compañías” e autora do blog Ana Griott, a obra de Ana María está traducida ao catalán, ao francés e ao xaponés.
Tendo en conta as características destas dúas escritoras e as súas confluencias profesionais e biográficas, a proposta dun encontro entre Ana Cristina Herreros e Charo Pita posúe a cualidade de abranguer un amplo espectro de temas. Charo e Ana falarán do oficio de escribir, da literatura oral e da literatura escrita, da edición, do relato para adultos e do relato infantil. Ademais, o encontro está concibido en dúas linguas, o galego e o castelán.
O encontro entre ámbalas dúas autoras celebrarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde estará Charo Pita, acompañada pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López. Ana Cristina Herreros participará por streaming desde Madrid. Todas aquelas persoas que desexen unirse á esta xuntanza poden facelo a través desta plataforma. O id da reunión é: 824 8807 8782, e o código: Ames.
O programa “Afinidades electivas” parte dunha subvención do Ministerio de Cultura na que participa a Librería Lenda de Bertamiráns. Lenda, en colaboración coa Biblioteca Municipal, organiza o evento.