Pestanas principais

O prazo de preinscrición no programa de Campamentos de Verán 2020 estará aberto dende hoxe, 16 de xuño, ata o próximo sábado 20 de xuño

Martes, 16 de xuño de 2020

O Concello de Ames publica o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal ofertan 252 prazas repartidas entre 9 campamentos diferentes que se desenvolverán en diferentes datas entre o 6 de xullo ao 5 de setembro. O prazo de preinscrición ábrese hoxe, martes 16 de xuño, ata o próximo sábado 20 de xuño. A preinscrición para este servizo realizarase enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal no caso dos campamentos de educación primaria e a omix@concellodeames.gal para os campamentos de secundaria e bacharelato. Hai que enviar o impreso de preinscrición que se encontra ao pé desta nova. Preme aquí para consultar os prezos públicos dos campamentos de verán 2020.

O servizo de Campamentos de Verán 2020 está dirixido á rapazada que este cursando educación primaria, secundaria ou bacharelato. Trátase dunha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar a nenas/os e mozas/os das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable ao tempo que se achegan ao medio rural, ao deporte ou á cultura.

A situación xerada pola Covid-19 fai que os campamentos se deban adaptar ás novas necesidades, polo que se deben de ter en conta medidas de prevención tales como a redución de ratios, aumentar as labores de limpeza e desinfección, determinar os equipos de protección para monitores/as e usuarios/as e redefinir as actividades que se poderán levar a cabo sen risco de contaxios. Ao pé desta nova podes consultar as medidas de prevención que se adoptarán durante os Campamentos de Verán 2020.

Ampla oferta de campamentos para todas as idades
Para o alumnado de 1º de educación primaria está programado un campamento na Granxa Escola Corazón de Carballo (en Tomiño). Será do 13 ao 15 de xullo e dispón de 24 prazas dispoñibles. As/os nenas/os de 2º de primaria tamén terán a oportunidade de ir a este mesmo campamento posteriormente, do 16 ao 18 de xullo, e contarase co mesmo número de prazas que a quenda anterior.

En canto ao alumnado do segundo ciclo de primaria, os de 3º teñen como campamento de destino Galipark (en Padrón), e desenvolverase do 6 ao 9 de xullo con 30 prazas. Mentres que os de 4º de primaria irán a Naturmaz (en Mazaricos), do 10 ao 13 de xullo, contando con 24 prazas.

Xa no último ciclo de primaria, a rapazada de 5º irá ao Ecoalbergue Alvarella (nas Fragas do Eume) do 5 ao 10 de xullo, e a de 6º irá ao Cámping Praia O Terrón (Vilanova de Arousa), do 6 ao 11 de xullo. Ambos contan con 25 prazas dispoñibles.

A ese mesmo cámping de Vilanova de Arousa, o Cámping Praia O Terrón, tamén irá o alumnado de 1º e 2º da ESO, do 13 ao 19 de xullo. Mentres que os de 3º da ESO a 2º de bacharelato irán ao Cámping Mougás (en Oia) do 6 ao 12 de xullo. Tamén contan ambos con 25 prazas dispoñibles.

Xa por último compre engadir, a Granxa Escola El Kiriko (en Fornelos de Montes), que está destinada a nenas e nenos de entre 6 a 14 anos. Este último celebrarase do 31 de agosto ao 5 de setembro e conta con 50 prazas.

Preinscrición aos campamentos
A preinscrición aos campamentos realizarase mediante correo electrónico. Desta maneira, enviarase un correo a auladanatureza@concellodeames.gal no caso dos campamentos destinados a educación primaria e a omix@concellodeames.gal no caso dos campamentos de secundaria e bacharelato. O formulario de preinscrición pode descargarse ao pé desta nova, e unha vez recibida a solicitude, o departamento correspondente enviará a conformidade de recepción.

No caso de non poder facelo a través do correo, e de xeito excepcional, poderá recollerse a preinscrición baixo cita previa nas Oficinas Municipais de Medio Ambiente e Mocidade. Para pedir a cita compre chamar ao 660 004 665 ou ao 616 083 229.

Asemade, no caso de ter que realizarse a preinscrición de forma presencial, farase mediante cita previa chamando ao teléfono 981 883 002. Os lugares onde se poderá realizar son o Rexistro Xeral (Casa do Concello, Bertamiráns), no Rexistro do Pazo da Peregrina (Bertamiráns) e no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro.

Posteriormente, o 22 de xuño publicarase a lista provisional de admitidas/os na páxina web do concello e nos taboleiros oficiais do concello, sobre a cal se poderán facer alegacións. Xa o 25 de xuño, publicaranse as listas definitivas.

A adxudicación de prazas realizarase de maneira directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles. No caso de que o número de prazas solicitadas supere ás ofertadas, a adxudicación realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 26 de xuño no salón de plenos da Casa do Concello ás 18.00 horas. O resultado e a lista de agarda publicarase o 27 de xuño.

Prazos de matrícula
Os prazos de matrícula varían segundo o campamento de destino elixido. Para os campamentos Galipark, Ecoalbergue Alvarella, Cámping Praia O Terrón (6º de primaria) e Cámping Mougás o prazo de matrícula abrangue dende o 29 de xuño ao 2 de xullo.

Por outra banda, se o campamento de destino é a Granxa Escola Corazón de Carballo, Naturmaz ou o Cámping Praia O Terrón (1º e 2º da ESO), o prazo de matrícula é do 3 ao 8 de xullo. Mentres que se o destino elixido é a Granxa Escola El Kiriko, as datas de matrícula son do 13 ao 17 de xullo.

Para facela necesitarase o impreso de inscrición debidamente cumprimentado. A copia da tarxeta sanitaria e o certificado médico (só no caso de padecer enfermidade que deba ser reflectida). A presentación  de dita documentación realizarase preferiblemente a través do rexistro telemático na sede electrónica do concello (enlace) ou, excepcionalmente e con cita previa, nos rexistros do concello en horario de 9.00 a 14.00 horas con cita previa (981 883 002).

Máis información
Para solicitar máis información pódese contactar coa Concellería de Medio Ambiente, chamado ao 660 004 665 ou enviando un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal, ou contactar coa Concellería de Mocidade, chamando ao teléfono 616 083 229 ou enviando un correo a omix@concellodeames.gal.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE PREINSCRICIÓN NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN 2020

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Abierta hasta el sábado la preinscripción en los campamentos de verano"

Campametos de Verán 2020

Multimedia

  • Campametos de Verán 2020