Pestanas principais

O fotopoemario “Os exilios que somos” preséntase o xoves, 16 de xullo, no Pazo da Peregrina

Martes, 14 de xullo de 2020

O Pazo da Peregrina acolle o vindeiro xoves 16 de xullo, ás 20:30, a presentación de “Os exilios que somos”, un fotopoemario do profesor, poeta e veciño de Ames, Xabier Ron, e a xornalista e estudosa da Memoria Histórica, Irene Tomé. A obra componse dunha serie de fotografías e poemas que evocan unha memoria persoal, común a miles de familias galegas e españolas que viviron a lousa da guerra civil e da ditadura. O editor, Henrique Alvarellos e a concelleira de Cultura, Natividade González, acompañarán aos autores na presentación. Colabora no acto a libraría Lenda de Bertamiráns.

Xabier Ron é escritor, doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor no IES de Bertamiráns e veciño de Ames. Irene Tomé é xornalista e investigadora sobre Memoria Histórica na USC. Ambos investigan nese campo da Memoria Histórica e comparten un ollar semellante sobre o acontecido no noso país. Esta querenza pola investigación e reflexión do que fomos é o xerme de “Os exilios que fomos”. A pretensión do traballo é a de “dar voz á memoria das persoas que viviron a guerra ou o exilio dende unha experiencia persoal, que soe ir da man de silencios e esquecemento, aínda que tamén de resistencia e de experiencias propias que dan lugar a reflexións compartidas”.

O resultado:  un camiño de versos e imaxes que loitan contra o esquecemento imposto, contra os silencios herdados. Versos mancados, espazos en branco e síncopes como atrancos da memoria. Canda eles, imaxes que buscan ocos de luz entre densas brumas, retratos de fendas, depósitos de cinsas... Mais tamén, fronte a todo, os rostros da dignidade e da resistencia. En boca dos seus autores: “É a historia que turra de nós, que porfía, por non estar resolta aínda”.

Non é a primeira vez que Xabier e Irene colaboran. No eido da poesía, publicaron en 2017 o poema “As fendas do Pico Sacro”, que forma parte do libro colectivo Pico sacro: ferido polo lóstrego e a lenda, editado tamén por Alvarellos Editora.O fotopoemario Os exilios que somos é a súa primeira obra.

O libro presentarase o vindeiro xoves, 16 de xullo, no Pazo da Peregrina. Contará coa presenza do editor Henrique Alvarellos e da concelleira de Cultura de Ames, Natividade González. Colabora a libraría Lenda de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ron e Tomé ilustran a Guerra Civil e a ditadura mañá en Bertamiráns"

El Correo Gallego: Bertamiráns lembra a Guerra Civil e a ditadura con ‘Os exilios que somos’

Cartaz da presentación do fotopoemario "Os exilios que fomos"

Multimedia

  • Cartaz da presentación do fotopoemario "Os exilios que fomos"