Pestanas principais

O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario

Luns, 23 de marzo de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a XXIII edición do Certame Literario de Ames, no que todas as persoas que o desexen poden presentar os seus textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro día 30 de abril. Pódese consultar o resumo das bases do certame na seguinte ligazón e descargar a ficha de participación nesta outra ligazón. Así mesmo, pódese consultar o folleto con toda a información desta edición do Certame Literario na seguinte ligazón.

A Sala de Plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da XXIII edición do Certame Literario de Ames, unha iniciativa con máis de dúas décadas de andadura e que ten como obxectivo impulsar a creación literaria en lingua galega, así como promover e difundir a cultura propia. Ao acto acudiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras. 

O certame, como vén sendo habitual, consta de dúas modalidades, unha de narrativa e outra de poesía. Así mesmo, cada unha delas componse á vez de tres categorías divididas por franxas de idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á mocidade de entre 14 e 17, e a terceira resérvase para persoas de 18 anos ou máis. Deste xeito, outorgaranse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as dúas modalidades, e, finalmente, editarase un libro colectivo con todos os textos premiados. 

O xurado estará composto por tres persoas do ámbito literario. Ademais, haberá un/unha responsable municipal que actuará como secretario/a. A decisión final do xurado anunciarase de maneira pública o 10 de xuño e a entrega de premios terá lugar o día 13 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro. 

A técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras destacou a lonxevidade deste concurso: “levamos 23 primaveras con este certame e agardamos que sexan moitísimas máis”. Un certame “con moita participación, con arredor de 200 traballos en cada edición”, e no que “o premio máis importante é a publicación dos textos”. Moreiras sinalou que “chegan textos de toda Galicia e doutros puntos do Estado español e do mundo”, pero que, malia a alta participación, “sempre hai algún premiado de Ames”.

Pola súa parte, o alcalde, Blas García, fixo fincapé no traballo que o certame “fai na defensa do galego e a cultura de noso”. Sinalou tamén que “é unha das actividades máis sólidas do concello” e que serve en boa medida para “dar a coñecer autores e autoras: moitas persoas participantes consolidáronse no mundo da literatura logo de pasar polo certame”.

Bases do Certame
As persoas interesadas en participar terán de prazo ata o 30 de abril para enviar os seus textos, que teñen que ser inéditos e estar escritos en galego. Os e as participantes mandarán catro exemplares do texto, escritos con interliñado a 1.5 e con tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50. Pódense consultar as bases completas do certame na seguinte ligazón. É requisito imprescindible que as obras se presenten baixo un pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade escollida (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. 

Os datos persoais e a documentación requirida das autoras e autores introduciranse nun sobre pechado. Para achegar estes datos cubrirase a ficha de participación que pode descargarse na seguinte ligazón ou solicitarse no enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. As persoas menores de idade deben tamén achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado, coa documentación requirida e a ficha de participación cuberta e asinada, xunto coas catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande deberá figurar tamén a modalidade, a categoría e o pseudónimo.

O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

3800 euros en premios
Para cada modalidade e categoría establécense tres premios en metálico. Para os/as participantes menores de 13 anos, o primeiro premio será de 200 euros, o segundo de 170 e o terceiro de 140. Para os/as participantes de entre 14 e 17 anos o primeiro premio está dotado con 230 euros, o segundo con 200 e o terceiro con 170. Por último, na categoría absoluta, o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 260 e o terceiro de 230.

Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames impulsa a creación en galego cun Certame Literario que reparte 3.800 euros en premios"

La Voz de Galicia: "Ames repartirá 3.800 euros no seu Certame Literario"

O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario
  • O Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario