Pestanas principais

O Concello de Ames lembrou ás vítimas da violencia machista no acto institucional do 25N

Luns, 28 de novembro de 2022

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade realizou o pasado venres, 25 de novembro, o acto institucional do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. Dito acto tivo lugar ás 17:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nel fíxose unha lembranza ás 37 mulleres asasinadas por violencia de xénero en España en 2022. Ademais, houbo unha charla informativa sobre violencias machistas e agresións sexuais. Ao longo do acto repartiuse entre as persoas que encheron a sala de exposicións do Pazo merchandising co lema da campaña deste ano “Que o meu machismo non se converta no teu problema”. Ademais, houbo unha actuación do alumnado do combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames que cantaron o tema “Ni una más” de Aitana. O acto rematou con todas as persoas asistentes ao acto berrando BASTA XA! Preme nesta ligazón para ver a galería de imaxes con motivo do 25N.

Moitas veciñas e veciños de Ames encheron o pasado venres, 25 de novembro, a sala de exposición do Pazo da Peregrina para participar no acto institucional do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. En dito acto o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, tivo unha lembranza para as 37 mulleres asasinadas por violencia de xénero en España no que vai de ano. Deste xeito, colocáronse para o acto 37 pares de zapatos, un por cada muller que foi asasinada vítima de violencia de xénero ao longo do ano 2022. Os zapatos tiñan escritos o nome das vítimas como maneira de visibilizar o espazo que ocupan as mulleres que faltan e a lacra que supón para a sociedade a violencia machista.

O acto comezou cunha charla - coloquio que estivo impartida por María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en Estudos de xénero e políticas de igualdade. Nesta charla abordáronse diferentes temas como os estereotipos de xénero, conceptos sobre a feminidade VS masculinidade, sexismo, as agresións sexuais e maila violencia sexual. Este charla estivo enmarcada dentro do conxunto de accións contra a violencia de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixidas á rede de entidades locais. Ademais, a realización desta actividade forma parte dun acordo de colaboración asinado coa Federación galega de municipios e provincias.

A continuación, deuse lectura ao manifesto institucional con motivo do 25N asinado por todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal do Concello de Ames. O manifesto foi lido pola concelleira de Benestar Social e Igualdade e voceira do grupo municipal socialista, Luísa Feijóo; a concelleira de Economía e Facenda e voceira do grupo municipal de Contigo Podemos, Genma Otero; a concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade e concelleira do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego,  Escarlata Pampín; polas concelleiras do grupo municipal popular, Oliva Agra e María Belén Castro; e polo concelleiro do grupo municipal mixto, José Ramón Oulego, pertencente a Ciudadanos.

Ao longo do acto tamén se repartiu merchandising co lema da campaña deste ano “Que o meu machismo non se converta no teu problema”. Ademais, houbo unha actuación do alumnado do combo de voces da Escola Municipal de Música de Ames que cantaron o tema “Ni una más” de Aitana. O acto rematou con todas as persoas asistentes ao acto berrando BASTA XA!

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, dixo sentirse “emocionada  por ver o Pazo da Peregrina cheo de persoas co mesmo sentimento que é o de conseguir unha sociedade igualitaria, loitando contra as violencias machistas, homes e mulleres expoñendo as súas vivencias, os seus sentimentos... É difícil explicar con palabras tantas sensacións, tantas emocións, tantos sentimentos. Emocionada tamén polo silencio e as bágoas que provocou a fantástica interpretación do combo da EMMA e por sentir o Pazo vibrar ao berro de BASTA XA!”.

A concelleira engadiu que o obxectivo do acto foi “concienciar sobre as desigualdades que aínda existen a día de hoxe na nosa sociedade, para sensibilizar sobre as violencias que se seguen a exercer sobre as mulleres, e para non esquecer que temos que seguir nesta loita, e que, máis que nunca, debemos estar toda a sociedade unida e que a responsabilidade é de todos e de todas”. “Coa igualdade non gañamos as mulleres, gaña toda a sociedade”, concluíu.

Premendo nestas ligazóns podes ver os vídeos cargados no Instagram da EMMA sobre a actuación feita no acto do 25N e tamén os vídeos do club de patinaxe artística Omega e da biblioteca do CEIP Agro do Muíño con motivo do 25N.

Programación dende o 17 de novembro ata o 1 de decembro
O programa do Concello de Ames con motivo do 25N deu comezo o pasado 17 de novembro, coas andainas contra a violencia de xénero organizadas dende o programa SaúdeAndo con saída dende O Milladoiro. Tamén se realizouse esta mesma andaina o xoves 24 dende o centro de saúde de Bertamiráns.

Por outra banda, o pasado sábado 19 tamén se representou na Casa da Cultura do Milladoiro a obra teatral SOA, que busca concienciar sobre a realidade das mulleres que sofren violencia física e psicolóxica, pero mostrando tamén un futuro repleto de esperanza, autoestima e liberdade sexual.

Para rematar, o día 1 de decembro celebraranse, un ano máis, as xornadas “Achégate á Igualdade”, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 9:30 a 14:30 horas. Nesta ocasión asistirán profesionais do ámbito da saúde e expertas en violencia machista, e haberá dúas conferencias e unha mesa redonda. Para asistir é necesario inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico achegate22@gmail.com, no que se indique nome, apelidos e forma de participación (presencial ou por streaming).

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames celebrou o acto institucional do 25-N no Pazo da Peregrina de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Berro amesán e actividades contra a violencia machista"

Imaxe do acto do 25N

Multimedia

  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe do acto do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Imaxe con motivo do 25N
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for