Pestanas principais

O Concello de Ames colabora co Consello da Cultura Galega na programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos

Mércores, 22 de marzo de 2023

Esta mañá presentouse na sede do Consello da Cultura Galega a programación para celebrar o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos. Por parte do Concello de Ames asistiron a dito acto o concelleiro de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil, e maila concelleira de Cultura, Natividade González. A programación estará composta por un congreso científico, diferentes exposicións, numerosas conferencias, varias publicacións, múltiples rutas e outros recursos materiais. Esta variada programación está organizada por unha ducia de entidades vencelladas ao Seminario de Estudos Galegos. A programación, que arrinca esta semana e se estende ao longo do ano, pódese consultar nun espazo web creado especificamente para a ocasión.

En 1923, nove estudantes mozos (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza-Brey, Xosé Pena Pena, Xulián Magariños Negreira, Ramón Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López) de distintos cursos da Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, deciden xuntar esforzos nun proxecto de investigación e divulgación da cultura galega. Ese traballo común é o que move, cen anos despois, a unha nutrida representación das institucións culturais galegas a unirse e deseñar unha programación que condensa as liñas de traballo que desenvolveron os membros do Seminario de Estudos Galegos (SEG), ao tempo que favorece alianzas e evita duplicidades nos actos de homenaxe. O Consello da Cultura Galega (CCG) asumiu as funcións de coordinación ao facilitar un espazo web que acubilla todas as actividades programadas ao longo deste ano, que se poden agrupar en cinco grandes bloques. A programación busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG ao tempo que reivindica a vixencia do seu legado.

“É unha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades” apuntou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da programación. Idea na que tamén incidiu Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega quen engadiu que “o Seminario foi un operador da idea de país na que foi a nosa década marabillosa”. Pola súa banda, Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou que o SEG foi “unha organización para o estudo do país, para o país e polo país”. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, apuntou na presentación que “confío que aparezan novos fondos e documentos duns pioneiro que soñaron cunha Galicia mellor e que imaxinaron as estruturas de país”.

Á presentación das actividades previstas asistiron tamén Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura; os netos de Losada Diéguez, Malala e Patricio Núñez Losada, en representación da Fundación Losada; Susana Reboreda, da Universidade de Vigo; María Jesús Fortes Alén, do Museo de Pontevedra; Amparo Rubio, do Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento; e os/as concelleiros/as de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil, e de Cultura, Natividade González, do Concello de Ames. Desculparon a súa ausencia das fundacións Fraguas, Castelao, Filgueira Valverde e Isla Couto, máis os da Universidade da Coruña e Santiago.

Ames elaborará unha programación específica
O concelleiro de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil, destaca que “resulta fundamental recuperar e poñer en valor toda a documentación que elaborou o Seminario de Estudos Galegos durante os 13 anos que estivo en funcionamento. Hai que destacar o traballo científico e multidisciplinar que realizaron os seus membros e tamén hai que destacar o papel da muller dentro do Seminario. Ademais, celebramos o primeiro centenario da ciencia en galego”.

Por outra banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “desde a Concellería  de Cultura hai un compromiso firme para darlle difusión a este  centenario. Ames, en concreto Ortoño, é un símbolo para o Seminario de Estudos Galegos e temos que darlle o protagonismo que merece. Desde o departamento de Cultura e outros departamentos estamos traballando para poñer en valor este centenario”.

Ademais, cómpre lembrar que no pleno ordinario celebrado o 26 de xaneiro deste ano a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional sobre o centenario da fundación en Ortoño do Seminario de Estudos Galegos. O Concello de Ames vai a elaborar unha programación específica e colaborará con outras institucións para conmemorar dito centenario.

Cinco áreas de traballo
O primeiro bloque da programación ten que ver coa investigación e a divulgación e toma a forma de congresos, seminarios e conferencias. As actividades, que se estenderán ao longo de todo o ano, pretenden evocar o papel e a pegada cultural do labor do SEG e a participación feminina nel, así como a memoria e homenaxe dos principais protagonistas en diferentes localidades. Xa en outubro, coincidindo co mes en que se fundou o Seminario, concéntranse varias actividades: o Museo de Pontevedra organiza durante ese mes un ciclo de sesións monográficas no que fará un repaso das figuras máis significativas do SEG en Pontevedra; pola súa banda, o Consello da Cultura Galega desenvolverá os días 10 e 11 de outubro outro congreso para afondar nas cuestións históricas e culturais vencelladas ao Seminario.

A segunda liña de traballo son os proxectos expositivos. A Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura, proxecta para xuño a mostra Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares. A exposición está concibida como celebración do centenario da fundación do SEG, pero tamén como unha posta en valor dunha obra colectiva que tratou de actuar de acordo coas esixencias do seu tempo para lograr a modernización da cultura galega e a súa proxección exterior. A Biblioteca de Galicia peneirará os seus fondos para organizar unha mostra bibliográfica sobre a conmemoración. Ademais, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que conserva seis volumes dos arquivos do SEG procedentes dos fondos da Comisión de Monumentos, exhibirá con periodicidade mensual cada un deses volumes no seu proxecto divulgativo A peza do mes.

Os membros do SEG crearon un innovador e xenuíno sistema de investigación que denominaron “xeiras”. As seccións do Seminario acordaban estudar unha comarca e todos os membros dispoñibles desprazábanse, arredor dunha semana, para traballar directamente e ao mesmo tempo sobre o terreo, co obxectivo de aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos e romarías, realizaban análises xeolóxicas… e o resultado deses estudos recollíase nun volume. Nesta terceira liña de actuación recupérase o espírito das xeiras coa proposta de itinerarios, roteiros e visitas guiadas relacionadas co SEG. A Universidade de Vigo ten programadas dúas xeiras (unha en Allariz e outra en Ribadavia) e o Museo de Pontevedra organiza outra na comarca de Deza. A Universidade de Santiago ofrece dúas visitas guiadas arredor da obra de Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias Iglesias polas salas do Museo de Historia Natural da USC, vencelladas coa Sección de Ciencias do Seminario.

A cuarta liña de acción son as publicacións. O Museo de Pontevedra presentará unha edición facsimilar do Romance dunha fatal ocasión, poema dedicado a Castelao polos membros do SEG en 1935. Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) publicará en dous volumes unha recompilación de escritos sobre o idioma producidos entre 1916 e 1936, dúas décadas que marcaron notables avances para o galego nos que o Seminario tivo moito que ver, xunto ás Irmandades da Fala e o grupo Nós, actores culturais todos eles imbricados entre si. Ademais, a Xunta de Galicia reeditará dous libros: Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (Edicións do Castro, 1977), que recolle a perspectiva sobre o SEG de distintos persoeiros relevantes da cultura galega; e Terras do Deza, que difunde os traballos de recollida que os membros do SEG fixeron na comarca de Deza e que estaban en proceso de edición antes da Guerra Civil.

O último bloque de traballo son os recursos materiais (audiovisuais, sonoros, documentais…) que permitirán completar a información sobre o Seminario. Dentro desta liña inclúese o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, que incorpora esta semana sete novas entradas, coas que chega xa a 65 biografías de homes e mulleres vencellados ao SEG.

Presentación da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos

Multimedia

  • Logotipo do centenario do Seminario de Estudos Galegos