- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu unha nova xuntanza da Comisión de Orzamentos Participativos do Rural, onde se acordou que nos orzamentos de 2020 incluirase unha partida orzamentaria destinada a contratar unha asistencia técnica, de cara a afondar neste proceso co obxectivo de seguir ampliando e reforzando as fórmulas de participación, que incluiría o deseño e implantación dun novo proceso ao longo deste ano no que quedarían seleccionadas as propostas que serían executadas no 2021. Todos os representantes das parroquias do rural que asistiron á xuntanza votaron a favor, por unanimidade, deste acordo.
A dita reunión asistiu unha representación de todas as parroquias do rural a excepción de Ortoño, así como a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Lens.
Nela, analizáronse os proxectos votados no pasado ano 2019 e o seu estado de execución. Ao mesmo tempo aprobouse, por unanimidade, reforzar e ampliar dito proceso dado o éxito acadado nos anos anteriores. Para reforzar o mesmo, acordouse proceder neste ano 2020 a incluír unha partida nos orzamentos para contratar unha asistencia técnica co obxectivo de seguir traballando, ampliando e reforzando ás fórmulas de participación, deseñando e implantando un novo proceso que culminaría coa elección das propostas finais que se executarían no 2021.
Tamén se falou da posibilidade de ampliar o crédito destinado aos orzamentos participativos coa finalidade de seguir reforzando e apostando por estas fórmulas de colaboración e participación, así como a posibilidade de implantación, a través deste proceso de actuacións transversais a todas as parroquias que poidan beneficiar a todo o rural no seu conxunto, mediante a ampliación ou implantación de novos servizos que contribúan a mellorar a calidade de vida no rural.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, amosou “o agradecemento á veciñanza do rural e aos membros da Comisión de Orzamentos Participativos, pola implicación nesta iniciativa nestes anos, que deu resposta a moitas peticións e demandas no rural. Unha aposta por un traballo en colaboración que deu os seus froitos e que foi unha iniciativa pioneira no noso concello, por iso reforzamos este compromiso de cara ao futuro coa contratación dunha asistencia, que nos asesore e asista no desenvolvemento dun novo proxecto para a elaboración de Orzamentos Participativos para que nos vindeiros anos sexa aínda un proxecto máis ambicioso”.
Pola súa parte, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, manifestou que “toca seguir traballando e ampliando estas fórmulas de participación de toda a veciñanza e, especialmente, no rural, e neste sentido quero amosar a aposta deste goberno por seguir traballando e ampliando estes procesos de participación, de aí que este goberno dispoña dunha nova concellería de participación cidadá, e que xunto ao acordo agora adoptado de cara a afondar neste proceso, contribuiremos a reforzalo e melloralo significativamente de cara ao futuro”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Diez días en Ames para aportar a los presupuestos 2020"
Compostela 24 horas: "Ames aposta por reforzar os Orzamentos Participativos no rural"