Pestanas principais

O alumnado do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión limpa 32 quilómetros de camiños forestais e realiza traballos de repoboación forestal

Venres, 23 de abril de 2021

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, acompañados do Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, visitaron ao alumnado do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión, que están acondicionando o invernadoiro e contorna do viveiro de Barouta. Ademais, visitaron varias fincas municipais en Pedra Dourada e no Bosque Animado, onde dito alumnado realizou traballos de limpeza de camiños forestais e repoboación con árbores autóctonas. En  dita visita estiveron acompañados do director do obradoiro, Andrés Novo Lombao, e por Begoña Corral Goiriz, titora e coordinadora de dito obradoiro.

“Non é un obradoiro máis”, así explica o director do obradoiro ForestAmes-Brión a formación que se está recibindo o alumnado traballador. Neste obradoiro impártese formación teórico práctica e o alumnado realiza traballos de interese municipal neste caso no sector forestal. Os alumnos-traballadores que finalicen con aproveitamento obteñen o certificado de profesionalidade oficial recoñecido polo Ministerio de Educación, de 410 horas, que os faculta para traballar en empresas forestais. Tamén obterán carné de aplicador de produtos fitosanitarios.

A visita realizada durante a xornada de hoxe foi para ver os traballos realizados polo alumnado, xa que están a piques de rematar as accións que teñen que desenvolver no concello de Ames. A comezos de maio iniciarán os traballos que van a desenvolver no concello de Brión.

Actualmente o alumnado está traballando no acondicionamento do viveiro e invernadoiro municipal que está situado en Barouta. Anteriormente realizaron traballos de limpeza e desbroce en 32 quilómetros de camiños forestais no lugar nas parroquias de Covas e de Ortoño. Ademais, fixeron traballos de repoboación con frondosas autóctonas (castiñeiro, bidueiro, carballo e sobreira) nos núcleo de Ventosa (en Pedra Dourada) e no lugar de Covas (no Bosque Animado). Os traballos de repoboación fixéronse en fincas municipais que lindan con núcleo urbano co obxectivo de cumprir a normativa marcada pola lei de incendios forestais da Xunta de Galicia.

A concelleira de Promoción Económica e emprego, Ana Belén Paz, explica que “a través deste obradoiro estase facendo traballo no monte e prácticas do módulo de repoboación forestal e tratamentos silvícolas. Tamén se realizan traballos de conservación de camiños forestais e prácticas de hidroloxía”.

Este obradoiro está sufragado pola Consellería de Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión. No seu desenvolvemento invístense 381.801 euros, dos cales 346.946 son para salarios e gastos do obradoiro de emprego; 10.500 euros para incentivos á contratación por empresas unha vez rematado o obradoiro; e 24.355 euros son achegas das entidades promotoras. Os incentivos para a contratación son axudas de 1500 euros por alumno que se concede ás empresas que contraten durante polo menos 3 meses aos alumnos do obradoiro. O número de axudas é de 10. O 92 % da inversión corresponde a salarios do alumnado-traballador e de persoal.

Formación diferencia sobre APPs informáticas
Neste obradoiro, o alumnado ademais de recibir formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, estase ampliación os contidos formativos para que o alumnado saiba manexar aplicacións informáticas para localización e medición de fincas e para poder facer traballos de cubicación e taxación de madeira.

O director do obradoiro,  Andrés Novo, explica que “esta formación, que non está recollida nos módulos do obradoiro, permite ampliar a formación do alumnado e diferencialos doutros traballadores que tan só saben facer traballos de limpeza e repoboación. Isto permite que dito alumnado sexa máis competitivo á hora de intentar entrar no mercado laboral e adaptarse ás novas tecnoloxías”.

Ademais, dende os Concellos de Ames e Brión estase facendo un esforzo para que o alumnado dispoña de maquinara para poder facer prácticas. Tamén se están realizando saídas de campo, como a que se fixo aos concellos de Mazaricos e Outes para ver traballos reais de repoboación, e demostracións como a que se vai realizar o vindeiro martes, 27 de abril, sobre traballos de tala de madeira. Dita demostración estará impartida pola empresa Husqvarna. Un especialista en manexo de motoserra fará unha demostración sobre técnicas de tala de madeira.   

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceulle ao persoal docente e máis ao alumnado do obradoiro o traballo que están facendo. Blas García engadiu “coincido co director do obradoiro en que este non é un obradoiro habitual, xa que se está dando máis formación ao alumnado do que inicialmente esta previsto no certificado de profesionalidade oficial recoñecido polo Ministerio de Educación. Estase facendo un importante esforzo por parte do persoal docente para dotar de máis capacidades ao alumnado traballador, algo que é de agradecer, xa que dito alumnado sairá deste obradoiro con maiores oportunidades para acceder ao mercado laboral”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Limpian viales y plantan árboles en un tramo igual al trayecto Ames-Portosín"

La Voz de Galicia: "Limpian 32 kilómetros de vías forestales en Ames y Brión"

Imaxe da visita feita á parcela municipal repoboada en Pedra Dourada

Multimedia

  • Traballos de acondicionamento no viveiro municipal de Barouta
  • Alumnado traballador do obradoiro de emprego
  • Imaxe da visita feita á parcela municipal repoboada en Pedra Dourada
  • Imaxe da visita feita á parcela municipal repoboada no Bosque Animado
  • Imaxe da visita feita á parcela municipal repoboada no Bosque Animado
  • Parcela municipal repoboada no Bosque Animado
  • Este obradoiro está sufragado pola Consellería de Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión