Pestanas principais

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames celebrará un concerto de entroido o próximo venres 21 de febreiro

Venres, 14 de febreiro de 2020

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) participará no concerto de entroido que se celebrará o próximo venres, 21 de febreiro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Este concerto mostrará parte do traballo realizado ao longo destes meses de clases, a través de distintos formatos, desde pezas individuais ou dúos, ata agrupacións grandes. O repertorio incluirá moi diversos estilos, onde haberá espazo para a música clásica, tradicional e moderna.

As máis pequenas e pequenos da escola, serán os primeiros en saír ao escenario. Estas crianzas, que asisten ás aulas da materia Música e Movemento, prepararon para o público “Carnavalito”. Despois da súa actuación, a agrupación instrumental Jóvenes Águilas interpretará cos seus violíns “Danzas Rusas”.

A continuación, o grupo de frautas será o encargado de interpretar o tema “Gettin’latin” de Bert Lochs, ao que proseguirá “Piratas del Caribe”, da man da agrupación instrumental Pesadillas de Aga composta por violíns. Posteriormente será a quenda das guitarras, que interpretarán en varias quendas como “Surf Rock”, o himno do Real Madrid, as cancións populares “Si la nieve resbala” e “Los pajaritos vuelan”, “Vals” do italiano F. Carulli e “Inspector Gadget” da arr. P. Rodríguez, polo grupo de guitarras.

O grupo de minisaxos interpretarán “West Bay Rumba” de J. Rae, e o ensemble de saxofóns “La unión hace la fuerza” de Fons v. Gorp e “Marcha invencible” de J. Rae. En canto o grupo de linguaxe musical, sairá ao escenario interpretando “4 en unión”.

De seguido, o grupo de canto alzará a súa voz para representar temas como “Chocolate” de Jesse y Joy , “Memories” de Maroon 5 e a actuación individual de “When we was young” da artista Adele.

A percusión e combo proseguirán con temas como “High Hopes”, “Corazón Espinado”, “Proud Mary” e “Que bonito”, para rematar o concerto coa actuación do coro con “Over the rainbow”.

Audicións de saxofón e canto
O próximo martes, 18 de febreiro, tamén se desenvolverá unha audición de saxofón do alumnado de saxofón da EMMA, no multiusos de Aldea Nova. Posteriormente, o xoves 20, ás 18.30  horas, levarase a cabo unha actuación do grupo de canto.

Estas breves actuacións son fundamentais para a formación musical do alumando, e completan a súa aprendizaxe permitindo acadar un dos obxectivos fundamentais da música: compartila cos demais. Por iso estas audicións son abertas a todas as persoas e son especialmente recomendables para aquelas que poidan estar interesadas en coñecer a escola municipal de música ou se encontren por decidir que instrumento lles gustaría aprender a tocar.

Concerto EMMA festival de Entroido

Multimedia

  • Concerto EMMA festival de Entroido