Pestanas principais

A música afrocubana pecha este sábado 21 os obradoiros musicais que organizou a EMMA en abril e maio

Xoves, 19 de maio de 2022

A Escola Municipal de Música de Ames vén de organizar nos últimos dous meses catro talleres musicais de carácter introdutivo, nos que a veciñanza amesá a partir dos 8 anos puido gozar dunha oferta variada de xéneros e disciplinas. Despois de celebrar obradoiros de beatbox, música tradicional e canto moderno, o ciclo remata este sábado 21 de maio cunha introdución á música afrocubana, na que aprender os instrumentos e os ritmos do son, o mambo ou o chachachá. Aínda quedan prazas para o taller, que terá lugar de 11:00 a 13:00 horas cun custe de 10 euros. Para participar, cómpre enviar esta ficha de inscrición a escolademusica@concellodeames.gal.

A EMMA remata este sábado unha serie de catro obradoiros de música dunha xornada, que se desenvolveron nos meses de abril e maio. O obxectivo destes talleres, nos que a veciñanza pode coñecer ou afondar nun xénero ou práctica musical con persoal docente profesional e experto, é fomentar condutas activas e contribuír á motivación cara á música e o ao lecer. Os cursos teñen un custe de 10 euros, están destinados a persoas a partir dos 8 anos, e teñen unha duración de dúas horas.

Deste xeito, o ciclo de cursos remata este sábado 21, cunha introdución aos ritmos da música afrocubana co percusionista profesional, coach e docente na EMMA, Amaury Quintero. O taller presentará os diferentes instrumentos de percusión propios de ritmos como o son, o mambo ou o chachachá, co fin de que as persoas asistentes poidan aprender máis sobre esta linguaxe e identificar aspectos da cultura afrocubana. Á vez, poderán iniciarse na práctica destes ritmos, nun obradoiro de iniciación que repartirá as súas horas entre parte teórica e práctica.

Con anterioridade realizáronse tres obradoiros máis, dous no mes de abril e outro en maio. O primeiro foi un curso de beatbox dirixido polo cantante e beatboxer, Narci Rodríguez, no que as persoas asistentes coñeceron técnicas básicas e primeiras rutinas para probarse nesta disciplina. No segundo curso de abril afondouse na música tradicional galega e na percusión miúda. Ramón Dopico presentou cinco instrumentos de pequena percusión presentes na cultura musical de Galicia, historicamente rexeitados e ás veces non recoñecidos como tal.

Por último, xa en maio, tivo lugar un taller de canto moderno, coa cantante e directora da EMMA, Pilar Martínez. No taller traballáronse conceptos de técnica vocal como a vocalización, a respiración ou a afinación, e incidiuse na creación musical, mostrando como ensaiar, cantar ou gravar unha canción.

Inscricións e prezos

As persoas interesadas en participar no curso de música afrocubana poden realizar aínda a súa inscrición, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. O custe da praza por curso é de 10 euros, que só se deberán abonar unha vez que o departamento de Cultura confirme a praza a través do correo electrónico. Os grupos estarán formados por persoas a partir de 8 anos, cun mínimo de cinco e un máximo de quince integrantes.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Rematan os talleres da Escola de Música co de percusión afrocubana"

A música afrocubana pecha este sábado 21 os obradoiros musicais que organizou a EMMA en abril e maio

Multimedia

  • A música afrocubana pecha este sábado 21 os obradoiros musicais que organizou a EMMA en abril e maio