Pestanas principais

A mocidade amesá gozará dunha xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín da man do programa Trouleando

Martes, 09 de maio de 2023

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de maio unha nova actividade enmarcada dentro do programa Trouleando que conxuga natureza, deporte e diversión: unha xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín. Será o sábado 27, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os mozos e mozas interesados en participar deben anotarse enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 10 e 14 de maio. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos.

O programa Trouleando ofrece para a mocidade unha nova iniciativa durante o mes de maio, unha xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín. Alí, os participantes poderán gozar de circuítos suspendidos nas árbores con máis de 70 xogos, salvando obstáculos como lianas, tirolinas, rocódromos, redes, pontes de mono, troncos, táboas... para demostrar a súa habilidade e destreza en altura.

A actividade terá lugar o sábado 27 de maio, pola mañá. Os rapaces e rapazas sairán en bus dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ás 8:30 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 8:45 horas). O regreso aproximado está previsto para as 14:15 horas no Milladoiro e para as 14:30 horas en Bertamiráns.

Poden participar todos os mozos e mozas que estean empadroados en Ames a partir dos 12 anos (nados no ano 2010). É imprescindible anotarse previamente, enviando cuberta a ficha de inscrición que se pode atopar nesta ligazón ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 10 e 14 de maio. As prazas son limitadas (hai 40 ocos, que se asignarán por orde de chegada dos correos ata completarse).

Os rapaces e rapazas deberán ir provistos con calzado cómodo de sola dura (deportivos ou de montaña), roupa cómoda, gorra, crema solar, e, en caso de telos, de guantes sen dedos. A empresa aportará o material necesario restante (arnés, cascos, etc).

Será preciso contar cun mínimo de 20 mozos/as para desenvolver a actividade. Para calquera dúbida pódese contactar co departamento de Xuventude escribindo ao seu enderezo electrónico, xuventude@concellodeames.gal.

Cartaz da actividade do Trouleando de maio

Multimedia

  • Cartaz da actividade do Trouleando de maio